A rúa Real de Muros vive as complexas obras de humanización

As obras de humanización e renovación integral da rúa Real, uns traballos impulsados polo Concello de Muros e que contan cun orzamento de máis de 238.000 euros, avanzan a bo ritmo.

A alcaldesa de Muros, María Lago, e a concelleira de Obras, Laura Rivadeneira, supervisaron esta mañá o estado das obras acompañadas polo director de obra e o contratista, que lles informaron do avance das mesmas.

“A día de hoxe está executada unha das partes máis complicadas da obra, coa colocación das conexións de pluviais, fecais, abastecemento, electricidade e comunicacións cos seus respectivos pozos de rexistro e arquetas”, explica Rivadeneira.

“Un proxecto importante que da resposta ás demandas da veciñanza; a rúa Real necesitaba estas obras de mellora no seu firme e os servizos, unha actuación que se fará respectando a contorna e as características do casco histórico”, afirma a alcaldesa, María Lago.

De feito, todos os traballos levaranse a cabo tendo en conta os criterios do Plan Especial de Protección do Conxunto Historico Artistico de Muros, priorizando tamén o mantemento posterior e a alta calidade dos materiais elixidos.