Os traballadores municipais de Muros volveron esixir a RPT ás portas do pleno

Como xa fixeron o pasado mes de outubro, os traballadores municipais do Concello de Muros aproveitaron o pleno deste xoves 27 de novembro para levar as súas demandas ás portas do consistorio.

Os traballadores volveron esixir a necesaria renovación da Relación de Postos de Traballo (RPT) para actualizar os salarios e eliminar as discriminacións entre grupos laborais. Os traballadores lamentan que os responsables municipais seguen sinalando que a RPT “están en proceso de borrador”, algo que xa cansa no colectivo, que critican que esta situación afecta a numerosos servizos municipais como a Axuda a Domicilio, a piscina, as obras, o alumeado público, o servizo de limpeza, a normalización, a rehabilitación, a Escola de Música, a Sala Nasmo, a Policía Local, á Axencia de Lectura de Esteirou ou a mesma Oficina do Consumidor.

Critican a todos os partidos, que “levan pasándose a pelota coma se fose unha partida de pinpon nos últimos 15 anos, sen resolver un problema grave”.

”Seguiremos esixindo o que é o noso”, afirman.

21 postos precarios

A problemática é a falta de actualización da RPT. Concretamente, son 21 postos de distintos grupos profesionais, en torno a un tercio do persoal laboral, os que non perciben os complementos de destino e específico que sí percibe o resto do persoal; e 15 deles teñen salarios tan baixos que o Concello ten que complementar cun “complemento SMI” para poder chegar ao Salario Mínimo Interprofesional que marca a Lei.

O Comité de Empresa, presidido por CC.OO., demanda dos grupos políticos do Concello de Muros que “se poñan de acordo en elaborar e aprobar uns orzamentos municipais que inclúan as partidas necesarias para a elaboración e implementación dunha Relación de Postos de Traballo que poña fin, dunha vez por todas, a unha inxustiza que por todos é coñecida e que se leva padecendo durante moitos anos.

Este foi o pleno:

Novas relacionadas