A Costa da Morte celebrou na Barca a Festa das Festas

Non hai dúbida. Cada ano o demostra. Pode chover, pode quedar sen santuario, pero a Barca é moita Barca. A Festa das Festas da Costa da Morte, unha das 9 Festas de Interese Turístico da bisbarra, celébrouse esta fin de semana (ollo que aínda queda o local Luns da Barca) por todo alto, con esa mestura tan ideal de festa rachada para a mocidade, e romaría tradicional para os máis feligreses.

Imos repasando as días festas paralelas:

A romaría dos feligreses

Xa ao longo da semana as estradas da volta foron testemuñas da fe na Virxe da Barca de toda a contorna. Ducias de peregrinos e peregrinas asaltaron as estradas para percorrerr, etapa a etapa, principalmente pola noitiña, para poder chegar a fin de semana a Barca, e poder pasar as 9 veces por debaixo da Pedra dos Cadrís, para poder Abalar a Pedra homónima, ou para sanar os problemas de testa na Pedra da Cabeza, como rezan as tradicións.

As misas, tiveron que ser realizadas no pavillón municipal, e non sabemos se van repetir para o ano porque co maior aforo, a audiencia foi moito máis numerosa. Preto do millar de persoas ateigaron o pavillón para as misas semanais. Xa en plena fin de semana, a procesión da Virxe do Santuario ata o Porto (o luns tócalle ir de volta), foron multitudinarias.

O domingo, a zona do Santuario e das Pedras da Punta da Barca estaba radiante na mañá do sábado e do domingo. Centos de romeiros disfrutaron da xornada por toda a zona.

O festón

Xa en clave festexeira, non quedou espazo sen chiringuito, nin verde sen tenda de campaña. Media xuventude da zona aparca as súas vidas, colle a tenda de campaña e marcha para a Barca, onde fan as barbacoas e os botellóns previos. Hainos que prefiren alugar un pisiño, cos que os propietarios da zona fan o seu agosto. As colas dos coches chegan ata ben arriba da estrada As verbenas non deixaron títere con cabeza, e bruou a música ata ben entrada a mañá, día si e día tamén. Os momentos máis esperados son máis ruidosos se cabe. Os fogos de artificio da verbena sabatina foron espectaculares, pero máis se cabe o lanzamento da maior traca de bombas de palenque de Galicia, que puxo un dos pultos álxidos da festa na sesión vermú dominical.

Agora, para os veciños da vila, quédalles o seu día máis especial, o seu local Luns da Barca, cunha festa máis pequena pero se cabe máis auténtica.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
Etiquetas