A antiga Escola de Quintáns reconvertida en punto de lectura polas veciñas
Un novo club de lectura ponse en marcha. Polo de pronto, as protagonistas se cadra aínda non son conscientes, pero seguro que pouco a pouco, o pequeno punto de lectura que veñen de crear na antiga Escola de Quintáns, se convirte nunha referencia como o club Baiolendo, ou o da Libraría Clarión.
As armadanzas son unha ducia de veciñas da parroquia de San Martiño de Ozón que veñen de organizarse para poñer en funcionamento un punto de lectura no local da escola de Quintáns, a localidade con máis poboación das trece que integran a parroquia.
Todas comparten o amor pola lectura e decidiron facelo chegar á veciñanza mediante a iniciativa de crear un punto de libros. A idea xurdiu das conversas sobre as lecturas que cada unha tiña na súa mesa de noite e os libros que ían acumulando. Durante esas charlas chegaron á conclusión de que moitas tiñan exemplares de libros que podían compartir e poñer a disposición doutras persoas ás que lles puideran interesar.
Empezaron por xuntar algúns exemplares, fixéronse cun pequeno moble de estantes e puxéronse a deseñar uns carteis para anunciar a iniciativa. Así naceu o punto de lectura Libros Libres en Quintáns, un espazo no que o único requisito para ler ou levar un libro é escoller o que a cadaquén lle apeteza.
O procedemento para ser usuarios/as, explican, é moi sinxelo: poñerse en contacto coa persoa encargada de abrir o punto -Maruxa de Gonzalo- escoller unha lectura e anotar o nome e o título do libro que se leva. Non hai ningún outro trámite nin tampouco prazo
de devolución.
As impulsoras da idea pensan que con esta iniciativa as súas lecturas formarán parte dun proxecto colectivo e imaxinan que deste xeito poden contribuír a ampliar os recursos a disposición do resto da veciñanza. Aproveitan para invitar tamén a outras veciñas e veciños a sumarse á iniciativa deixando na escola algún exemplar.
Nos estantes hai libros en galego, en castelán, algúns en inglés e tamén revistas, ficción e ensaio, clásicos, best sellers, obras de premios Nobel ou Planeta, libros infantís, banda deseñada… Unha miscelánea que pretende que todo o mundo poida atopar algo do seu
interese. Emprestar libros e ler, expoñen, non fai mal a ninguén. A invitación está servida con esta frase que redactou para elas unha profesora de lingua: “Colle este libro, lévao a casa, ensínalle o teu lugar favorito para ler, comparte con el o teu aperitivo favorito ou preséntallo ás túas amizades. Quen sabe? Se cadra tedes futuro!”.
As promotoras esperan que as veciñas e veciños reciban con agrado este agasallo e, sobre todo, que lle dean uso a este punto de libros libres. Invitan tamén á veciñanza doutras parroquias a seguir o seu exemplo e incluír esta alternativa literaria nos locais sociais das parroquias.