O Club de Lectura Baiolendo estrea o novo curso con Ledicia Costas

Este luns, unha das mellores escritoras do país estreaba o curso no Club de Lectura de Adultos Baiolendo do IES Maximino Romero de Lema de Baio. Este é xa o cuarto ano no que un nutrido grupo de amantes dos libros se xunta unha vez ao mes, os luns de 15:30 a 16:30 horas na Biblioteca do Centro, e durante estes minutos fan unha paréntese nas preocupacións e a rutina cotiás para dar paso á imaxinación, á tertulia e ás reflexións arredor dun libro.
Nesta ocasión, a autora protagonista da xuntanza foi Ledicia Costas, coa súa obra Pel de cordeiro. Neste libro, a gran Ledicia Costas leva ao lector no mundo do esoterismo e da bruxería para amosar unhas historias de loita, supervivencia e reivindicación da identidade persoal de dúas mulleres, ao tempo que nos facilita observar e coñecer mellor o mundo no que vivimos, e as nosas tradicións e crenzas máis ocultas, ou se cadra non tanto…
Un libro ambientado en escenarios e paisaxes reais e inspirado en persoas e feitos que existiron e se produciron moitos deles na vida real, e que, despois dun gran traballo de documentación, explicado e detallado na xuntanza de hoxe, convértese nun libro radical, hiperbólico, fatalista e moi constelación literaria, unha novela que para a autora a súa presentación “está sendo morte e resurrección, tanto no plano literario no que sucede como no momento persoal que está vivindo”.