Augas de Galicia aproba os permisos para acometer as obras da Ponte de Vilachán

Dende maio do ano pasado leva a veciñanza de Vilachán sen poder atravesar a ponte. Os problemas na súa estrutura provocaron o seu peche, provocando que os veciños teñan que dar unha volta por Frixe ou Morquintián para acceder a fincas ou casas, e que turistas ou xentes de fóra se perdan porque os GPS non teñen rexistrado o corte.

Despois de varios meses de trámites, quedaba pendente a aprobación dos permisos por parte de Augas de Galicia para comezas as obras. No último pleno, a unha pregunta da oposición, o rexedor Iago Toba descoñecía os prazos nos que podería chegar ese permiso e deixaba no aire que ás veces chegan a tardar ata 3 anos.

Porén, segundo informa o BNG, tras poñerse en contacto con Augas de Galicia, “os permisos para a substitución da Ponte de Vilachán xa foron remitidos ao concello de Muxía autorizando as obras”.
A voceira, Mercé Barrientos considera que “é unha moi boa nova para toda a veciñanza, que leva coa estrada cortada moitos meses, polo que instamos ao goberno municipal a poñerse cos trámites da obra inmediatamente”.

Pola súa parte, dende o consistorio, unha vez recibido o permiso pertinente de Augas de Galicia, propón a celebración dun pleno na primeira semana de marzo para a aprobación do financiamento da obra con fondos propios, que sumará un investimento de máis de 70.000 euros.

Informan que o proxecto que ten formulado o Concello para a reforma da ponte realizarase con material prefabricados e foi deseñada por un enxeñeiro experto na materia, onde a montaxe con prefabricados mellorará os prazos de execución da obra.

 

Máis novas