mércores. 30.04.2025
El tiempo

O Camping Lago-Mar de Muxía volverá ser o epicentro cultural da Semana Santa

Camping Lago-Mar Merexo-Muxia aerea
Camping Lago-Mar Merexo-Muxia aerea
O Camping Lago-Mar de Muxía volverá ser o epicentro cultural da Semana Santa

O Camping Lago-Mar de Merexo, Muxía, abrirá as súas portas de novo o vindeiro sábado, 12 de abril, e farao cunha programación especial de Semana Santa, chea de actividades culturais en plena natureza. A festa de apertura será o propio sábado cunha foliada libre e o concerto dos ferroláns de Mentah, e seguirá nos seguintes días con máis música, charlas e gastronomía.

Refrena así o camping a súa aposta con converterse nun espazo cultural vibrante, onde teñen cabida a música e as artes, ofrecendo unha ampla e diversa programación de concertos e citas culturais abertas para todos os hóspedes e visitantes.

Programa

A programación de Semana Santa comezará o sábado 12 de abril cunha gran festa de apertura. Haberá foliada libre a partir das 18:30 horas e comida, e todas as persoas que o desexen están convidadas a levar os seus instrumentos para participar da foliada.

O domingo 13 de abril volverá á música en directo ao escenario do camping co concerto de Mentah as 19:30 horas. Os ferroláns virán ata Muxía cos seus ritmos melódicos para acompañar un bonito solpor xunto ao mar.

Os días 14, 15 e 16 de abril o camping será dos máis pequenos da casa cun campamento onde poderán xogar e disfrutar das súas vacacións en plena natureza. O horario será de 16:00 a 20:00 horas, terá un coste de 15 euros, incluindo unha merenda, e as inscricións pódense facer xa no número 600 80 49 32 ou no email info@campinglagomar.es

O xoves 17 comezará as 10:00 horas cunha andaina polos arredores do camping coa Asociación do Camiño dos Faros, para coñecer máis deste fermoso percorrido aos pés da Costa da Morte. Trala andaina a asociación ofrecerá unha charla en formato podcast que será unha das novas actividades recorrentes que acollerá o camping, con distintas persoasconvidadas. A actividade terminará cunha boa paella.

O Colectivo do Flow estará no camping o sábado 19 á tardiña, e traerá toda a diversión do seu Show de Improvisación. Un espectáculo irreverente feito con moito amor que dará comezo as 19:00 horas.

Pechará a programación da Semana Santa o concerto de Noel Mckay o domingo 20 de abril as 19:30 horas. O cantautor estadounidense afincado en Galicia encherá a tarde co seu delicioso country, poñendo un peche inmellorable a semana. 

-- 

Comentarios