As consecuencias da non homologación do Camiño dos Faros

Dous treitos do Camiño dos Faros por Muxia

Cada ano son máis os camiñantes que percorren o Camiño dos Faros, atraídos pola beleza salvaxe da Costa da Morte e pola experiencia única que ofrece este roteiro. Creado hai 12 anos por un grupo de amantes da natureza, o Camiño dos Faros é xa un referente internacional en materia de sendeirismo. O traballo da Asociación Camiño dos Faros durante máis dunha década na promoción do roteiro situouno entre os mellores roteiros do planeta, afianzándoo como o mellor recurso turístico posible para a Costa da Morte.

Porén, a falta de acordo coas administracións no proceso de homologación como roteiro oficial de Longo Percorrido, provoca situacións como as que vive este verán o sendeiro. Porque a día de hoxe teñen que ser os Concellos, por vontade propia, os que manteñan limpos os camiños, e como vimos denunciando dende sempre, non sempre funciona.

A meirande parte de Concellos escoitan as demandas tanto da Asociación, como do sector turístico, como dos establecimentos hostaleiros que viven no trazado do Camiño, e que en moitos casos sustentan o 50% dos seus ingresos nos trasnos camiñantes, e manteñen os camiños limpos de maleza, toxos… Pero outros non conseguen chegar a tempo.

Outros dous treitos do Camiño dos Faros ao seu paso por Muxía

É o caso do treito que atravesa o Concello de Muxía, onde a situación está a converterse nun problema serio: o mal estado do sendeiro está provocando non só queixas constantes por parte dos usuarios, senón tamén cancelacións e modificacións nas reservas turísticas.

As imaxes falan por si soas: hai tramos onde o camiño é practicamente inexistente, o que non só supón unha incomodidade, senón un perigo real para a integridade física das persoas que o transitan. Como consecuencia directa das queixas continuas dos camiñantes e do risco evidente destes tramos, varias axencias —tanto galegas como do estranxeiro— están a tomar medidas drásticas: eliminar estas etapas dos seus paquetes ou directamente suprimir a parada en Muxía, desviando aos camiñantes para facer noite en Fisterra.

A consecuencia inmediata é clara: unha perda directa de visitantes e ingresos para a vila muxiá. Pero o máis preocupante é o impacto a medio prazo. Axencias internacionais que xa están a preparar a tempada de 2026 están a descartar o paso por Muxía ante a incerteza de que a situación se resolva. A desconfianza está instalada.

Unha situación herdada

Non é a primeira vez que se denuncia o mal estado do treito muxián. Cada ano chegan queixas e dende o Concello sinalan que o treito leva 4 anos sen limpar verdadeiramente polo anterior goberno socialista. Con todo, este ano, a pesar de ser instados en Semana Santa da importancia da limpeza, e dos seus esforzos por externalizar a limpeza, non puideron chegar a tempo.

O grupo de goberno asegura que ao levar tanto tempo sen limpar “a limpeza non pode ser un mantemento ao uso, porque hai zonas donde prácticamanete esta completamente cerrado”. Lembran que “Muxía é un concello intervido polo Ministerio que obrigou a aprobar un Plan Económico Financieiro (PEF) xa que o anterior goberno incumpriu a regra de gasto e estabidade orzamentaria, polo que se complicaba moito a limpeza antes do verán polo seu alto custe, tendo en conta que Muxía é un dos concellos que máis treito ten, ata 47 km”, explican fontes municipais.

A realidade é que a día de hoxe, cos recursos propios, o Concello non pode asumir a limpeza do Camiño que levaía 4 ou 5 meses, aseguran, e están afrontando, cunha partida de 30.000€ (a que lle permite o PEF) o desbroce de camiños das parrroquias.

Dende o Concello recoñecen que o Camiño é “un atractivo turístico fundamental” e como sinalan dende o sector é un importante “axente desestacionalizador” polo que intentarán afrontar a situación “a partir deste outono” e dende aí ir facendo pequenos mantementos.

O Camiño dos Faros, fonte indispensable

A voz do sector é clara, e así nolo trasladan: “Cómpre lembrar que o Camiño dos Faros non é só unha ruta turística: é un motor económico vital para moitas localidades. Os paquetes vendidos polas axencias inclúen aloxamento, transporte e restauración. Se unha etapa cae, caen tamén as pernoctas, os menús, os taxis e as reservas. Sería un exercicio interesante preguntarlle aos establecementos da ruta que pasaría se, durante un ano, non contasen cos ingresos que lles reporta o Camiño dos Faros. A resposta sería, moi posiblemente, que se verían obrigados a reducir a tempada, recortar persoal ou mesmo pechar”.

Máis novas