Venres. 26.04.2024
El tiempo

O Camiño dos Faros: a riqueza natural da Costa da Morte freada pola incapacidade de entendemento

Processed with VSCO with a4 preset
O Camiño dos Faros segue crecendo a pesar do esquecemento das administracións. Antía Sacedón.
O Camiño dos Faros: a riqueza natural da Costa da Morte freada pola incapacidade de entendemento

O Camiño dos Faros é unha ruta de sendeirismo duns 200 km aproximadamente que une Malpica de Bergantiños con Fisterra polo borde do mar. O mar convértese, sen dúbida, en protagonista da ruta, a cal pasa por todos os faros e puntos de interese da Costa da Morte.

O Camiño, tal e como o deseñaron os trasnos, está dividido en oito etapas: Malpica-Niñóns (21,3 km), Niñóns-Ponteceso (27,1 km), Ponteceso-Laxe (25,3 km), Laxe-Arou (18 km), Arou-Camariñas (28,8 km), Camariñas-Muxía (32,6 km), Muxía-Nemiña (25,3 km) e Nemiña-Cabo Finisterre (26,9 km). A pesar da súa importancia e vital transcendencia na Costa da Morte a nivel xeral, as administracións non lle permitiron á antiga Asociación O Camiño dos Faros a súa homologación como Ruta de Gran Recorrido (GR), a cal suporía, ademais dunha mellor sinalización e a seguridade dos camiñantes, estar presente en todas as publicacións de sendeirismo a nivel europeo.

xente
Miles de persoas percorreron O Camiño dos Faros dende a súa creación. Cedida.

Asociación O Camiño dos Faros

O sete de decembro de 2012 saíron de Malpica seis trasnos e dous cans co obxectivo de unir dito concello con Fisterra polo borde do mar. Non foi sinxelo pero despois de varios intentos conseguiron unilo, chegando o 26 de xaneiro a Fisterra a través de sendeiros xa existentes e outros camiños que ían vertebrando toda a Costa da Morte. Dende ese día moitos outros trasnos apuntáronse á aventura e converteron a ruta nun proxecto de colaboración: O Camiño dos Faros. A primeira convocatoria realizouse o 28 de abril para facer a primeira etapa Malpica-Niñóns. Eses 23 trasnos foron clave para o éxito rotundo da ruta, pois cada vez a participación ía sendo maior.

O 21 de decembro do 2013 naceu a Asociación O Camiño dos Faros, co único fin de preservar o proxecto tal e como foi deseñado e con un máximo respecto á natureza. A partir dese momento, miles de persoas percorreron os camiños co fin de vivir unha experiencia entre a máis pura natureza da Costa da Morte. Faros, praias, dunas, ríos, acantilados, bosques, dolmens, vilas mariñeiras, miradoiros, postas de sol... Son algúns dos escenarios polos que un trasno pasa recorrendo os sendeiros. O gran éxito foi visible a través de numerosas publicacións de prensa nacionais e internacionais das que o Camiño foi completo protagonista: The Boston Globe en Estados Unidos ou Wandermagazin en Alemaña, entre outras.

vistas
A Praia de Soesto. Exemplo dunha paraxe natural durante O Camiño dos Faros. Antía Sacedón.

A pesar dos incribles resultados obtidos, o sete de decembro do ano 2022, dez anos despois da súa creación, a Asociación despedíase. Nunha mensaxe, aínda visible na súa web, publicaban o seguinte: “10 años, y ni un minuto más”. Despois de sete anos e máis de 70 reunións na loita por homologar O Camiño dos Faros, os seus creadores decidiron renderse. Nunha extensa explicación na súa páxina, na que aportan información detallada e argumentos en forma de documentación, resumen a situación vivida ata o momento textualmente coas seguintes palabras:

“Si esto sucede, la conclusión final que nos quedará será esta: 4 amigos sin un duro consiguen en tiempo record diseñar, preparar y promocionar una ruta de senderismo sostenible y responsable referente en toda Europa. Entre Turismo de la Xunta, Medio Ambiente, Diputación de Coruña, 9 concellos, sus concelleiros de turismo, CMAT y demás entes, Cluster de Turismo, Costas del Estado, Portos de Galicia, Autoridad Portuaria, Federación y técnicos de senderos no son capaces en 7 años de regularla y mantenerla para una mejor experiencia del usuario. Hicimos todo y más para hacer de este proyecto un bien común para A Costa da Morte. Si no pudo ser, no pudo ser y marchamos para casa con la conciencia bien tranquila”.

O intento de homologación

A desvinculación da Asociación O Camiño dos Faros da figura de promotor da ruta estivo moi relacionada coas dificultades recibidas durante todo o proceso de homologación. Unha vez tomada esta decisión, deixaron de facerse cargo de calquera traballo de mantemento ou sinalización, do mesmo xeito que xa non teñen responsabilidade sobre o que lle poida suceder aos camiñantes. Por se pode parecer sinxelo a simple vista, neste proceso había un gran número de entes implicados: Turismo de Galicia, Deputación da Coruña, nove concellos (Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Vimianzo, Camariñas, Muxía, Cee e Fisterra), Consellería de Medio Ambiente, Acivro Medioambiente, Federación Galega de Montañismo, Federación Europea de Senderismo (ERA), Asociación Turística Costa da Morte (CMAT), Costas do Estado, Portos de Galicia, Autoridade Portuaria e Grupos de Acción Local Pesquera (GALP).

estado laxe
Este é o estado no que se atopan algunhas das sinalizacións para seguir a ruta. Antía Sacedón.

Dende as administracións, o punto de vista é diferente. Por un lado, Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, considera que O Camiño dos Faros é un proxecto fantástico, o cal tivo, baixo o seu punto de vista, unha comunicación de proxecto magnífica. “O proxecto está funcionando a día de hoxe e polo tanto eu creo que é un proxecto absolutamente espectacular”, afirma Xosé Regueira. A pesar diso, por outro lado, recalca que ten grandes debilidades. “Primeiro pasa por espazos absolutamente sensibles en medio ambiente e que teñen un fluxo de tráfico de persoas que non pode ser tan intenso como estaba sendo. Segundo, pasa por espazos de propiedade privada. Terceiro, dentro deses espazos que son de propiedade privada as administracións públicas non podemos actuar”, explica o vicepresidente. En relación á limpeza dos espazos que, segundo el a Asociación lle achaca aos concellos, puntualiza que eles non o poden levar a cabo porque non llo permite a lei. “Con todo iso, o problema do Camiño dos Faros estaba nestas debilidades”, subliña.

“O proxecto está funcionando a día de hoxe e polo tanto eu creo que é un proxecto absolutamente espectacular”- Xosé Regueira

Con respecto á dificulte do proceso de homologación, Xosé Regueira recorda unha reunión na que estaba presente a Consellería de Medio Ambiente, Turismo de Galicia, a Asociación O Camiño dos Faros e varios representantes políticos das administracións públicas, entre outros. “Eu recordo perfectamente as palabras da directora xeral de Turismo da Xunta, Nava Castro, que dicía que tiñan que cumprir as directrices que lles mandaba a entidade que homologaba, que era a Federación de Montañismo, e que se non as cumprían, non os ían homologar”, explica. En definitiva, segundo as súas informacións, para conseguir a homologación a Asociación O Camiño dos Faros debería, sen perder a esencia do camiño, o cal considera un produto e sendeiro fantástico, cumprir as directrices que a Federación lle impoñía.

A pegada económica na Costa da Morte

Entre todas as melloras económicas que O Camiño dos Faros deixou na Costa da Morte, destaca o caso da axencia de viaxes Travels to Finisterre, situada en Cee, a cal se converteu na axencia oficial do Camiño dos Faros. Do seu acordo coa Asociación xurdiu o oportunidade de ser axentes comercializadores da ruta e poñer as súas canles a disposición. “Nós ofrecemos uns servizos onde damos os aloxamentos e os transportes (de mochilas e persoas, xa que non en todos os puntos hai aloxamento). A maiores, o seguro de sendeirismo e toda a documentación necesaria na etapa”, explica Javier Calaza, traballador de Travels to Finisterre.

No relativo a como a ruta beneficiou o traballo da axencia, Calaza asegura que, se seguen abertos tras tantos anos é, en gran parte, grazas á colaboración con dita asociación. “As axencias tradicionais teñen a vida moi difícil. Nós co Camiño dos Faros puidemos darlle continuidade ao proxecto. Había un problema e é que a zona norte da Costa da Morte, de Malpica a Muxía, sen incluír Muxía, só tiña turismo estacional. O Camiño dos Faros ofreceulle a esta zona un fluxo de turismo moi singular, os camiñantes”, asegura.

En relación ao tema da homologación, Calaza considera que iso non vai repercutir a corto nin medio prazo, pois baixo o seu punto de vista, o coñecemento desta ruta é inmenso, xa que tivo un alto nivel de publicidade e moitos camiñantes. A non homologación obviamente prexudica porque é moi difícil mantela. Moitos concellos fixéronse cargo da limpeza pero algo constante que hai que facer é estar chorando, tanto nós como os outros provedores do camiño. Entón claro, iso é un problema. O problema é manter a ruta limpa. A homologación estaría marabillosa porque iso indica que xa ten unha entidade que se ía manter e ía estar nos circuítos de sendeirismo do mundo”, sentenza Calaza.

A non homologación obviamente prexudica porque é moi difícil mantela”- Javier Calaza

“Para min foi un feito moi complicado de conseguir e que non se vai volver a repetir”, son as palabras que emprega Calaza para definir a importancia vital do Camiño na historia da Costa da Morte. Baixo o seu punto de vista considera que a sociedade non é consciente da importancia tan grande que tivo, pois conseguiu colocar á Costa da Morte onde as institucións levaban anos intentando. “Algún día daráselle a importancia que ten o Camiño. Sempre se di que o día que desapareza saberemos o grande que foi, pero eu prefiro que non teña que chegar ese día, que aínda que non se lle dea a importancia que ten, que non desapareza”, finaliza.

“Sempre se di que o día que desapareza saberemos o grande que foi, pero eu prefiro que non teña que chegar ese día, que aínda que non se lle dea a importancia que ten, que non desapareza” – Javier Calaza

 

silvia
Silvia Bouzas, directora do Hotel Playa de Laxe. Antía Sacedón.

Outro punto forte do Camiño é a súa repercusión na hostalaría. Silvia Bouzas, directora xeral do Hotel Playa de Laxe, considera que a chegada do Camiño dos Faros marcou unha diferencia abismal. “Marcou a diferenza entre ter xente en temporada baixa ou non tela, incrementou máis dun 60% a ocupación en temporada baixa. É unha forma de acabar co estacionamento única e básica para a parte norte da Costa da Morte”, explica a directora.

“Marcou a diferenza entre ter xente en temporada baixa ou non tela, incrementou máis dun 60% a ocupación en temporada baixa”- Silvia Bouzas

Sobre a non homologación Silvia considera un desagravio comparativo que a Xunta homologara outras grandes rutas de Galicia e O Camiño dos Faros non. “É un perigo posto que a xente vén igual e as axencias de todo o mundo traballan con esta ruta. Chegan italianos, alemáns, ingleses, canadenses...”, explica. No número de camiñantes non considera que isto afectase, aínda que cree que no caso de homologarse, o número incluso aumentaría. “Para a parte norte da Costa da Morte é vital O Camiño dos Faros. Non hai outra forma de acabar co estacionamento máis potente e gratuíta. Debería estar máis coidado porque é fundamental para a zona”, sentenza Silvia.

“Para a parte norte da Costa da Morte é vital O Camiño dos Faros”- Silvia Bouzas

Con todo, e coa validez que teñen todas as opinións expresadas, non se pode negar que é triste a situación final do Camiño dos Faros. Deberiamos loitar pola permanencia dun proxecto que revitalizou social e economicamente a Costa da Morte, que puxo a nosa zona en cabeceiras mundiais de turismo, que conseguiu acabar co estacionamento e que creou un novo tipo de turismo moi beneficioso para nós: o turismo relacionado co medio natural. Un turismo limpo, que coopera, que respecta o medio natural e que deixa pegada na economía costeira. Espero que nunca teñamos que chegar a botar de menos o Camiño, pois significará que nós mesmos acabamos con aquel proxecto que nos facía únicos.

Máis novas sobre O Camiño dos Faros

REPORTAXES DE ANTÍA SACEDÓN

Comentarios