Sábado. 20.04.2024
El tiempo

O Parlamento como cemiterio do Camiño dos Faros

  • Nava Castro volve acusar á Asociación Camiño dos Faros e aos Concellos como culpables da parálise.
  • A Directora Xeral de Turismo deixou patente o seu interese pola Senda Litoral de Galicia, antes chamada Senda dos Faros.
Nava Castro no Parlamento
Nava Castro respondendo na Comisión de Turismo ás preguntas do socialista Martín Seco sobre o Camiño dos Faros
O Parlamento como cemiterio do Camiño dos Faros

Hai dous anos aprobábase no Parlamento Galego, por unanimidade, a creación dunha Mesa de traballo co fin de acadar a homologación do Camiño dos Faros. Pero parece evidente que aquelo foi un erro estratéxico do PP que mantén unha falla de vontade e traballo absolutamente radical. A de onte foi a 5ª vez que o asunto chegaba á Comisión de Turismo do Parlamento Galego, pero podemos intervención de onte coas 4 anteriores e apenas hai diferencia.

O socialista Martín Seco volvía pedirlle á Xunta que recupere as negociacións, que deixe de “roubarlle o nome ao Camiño dos Faros ou diluilo noutras sendas máis amplas baixo intereses empresariais de amigos do PP”. Seco lembrou que a pesar da inacción da administración “O Camiño xa está consolidado, a xente quere facer este Camiño e non outros que vostedes inventedes”.

A realidade é a Federación Galega de Montañismo non acepta certos elementos da proposta da Asociación en materia de seguridade, medioambiente, paso por fincas privadas… Uns elementos que pola contra si aceptan entidades internacionais vinculadas co sendeirismo, de aí que a Asociación non queira facer novas modificacións e acusa á Federación de seguir os intereses da Xunta e bloquear o proxecto.

Foi aí cando a Directora Xeral de Turismo, Nava Castro, acusou á propia entidade, e de paso aos Concellos da comarca, como culpables da non homologación. Castro asegurou que o goberno galego estivo traballando por atopar un consenso sobre o trazado, pero recoñece que apenas tivo unhas reunións con certos concellos sobre as modificacións necesarias. Acusou ademais a algúns, como o de Ponteceso, de non aportar esas posibles modicacións.

Castro acusou aos Concellos de non ter consenso sobre o comezo e final da ruta, pero tampouco demostrou ningún interese por chegar a un acordo entre eles.

Senda Litoral de Galicia

Castro recuperou a mesma argumentación nas 3 anteriores comparecencias, apenas cambiando o nome da “Senda dos Faros” (claramente copiada do Camiño dos Faros) por “Senda Litoral de Galicia”. Foi aí cando deixou claro Castro que a aposta da Xunta é por esta Senda Litoral que inclúe todo o litoral galego, de aí o seu desinterese polo camiño da Costa da Morte.
De feito, nas poucas reunións que mantivo cos rexedores e rexedoras da comarca, un duns puntos claves é a aposta do goberno galego por esa senda global, e nunca pola comarcal.

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios