Destacan a importancia da apertura un mes máis do Parador da Costa da Morte

Julio Abalde e Julio Castro no Parador de Muxía

Tralo anuncio realizado hai un mes pola presidenta de Paradores, e ano despois das peticións realizadas pola patronal turística da comarca, hoxe o subdelegado do goberno na provincia Julio Abalde quixo poñer en valor a importancia de que o Parador de Lourido vaia abrir 10 meses, un mes máis do que estaba facendo ata agora.

Da man do director, o comprometido Julio Castro, repasaron a importancia deste fito, que provocará que o peche sexa só do 1 de xaneiro ao 26 de febreiro, permitindo que o cadro de persoal, dunhas 50 persoas, en boa medida, da comarca, pasen a ser traballadores indefinidos. 

Ademais, o Parador representa "un motor económico da comarca, cun índice de ocupación próximo ao 90%", o que permitirá atraer durante o mes de marzo, en plena temporada baixa, pero en plena temporada alta de produto do mar (non esquezan os Meses con R).

O subdelegado destacou tamén o investimento superior ao medio millón de euros anunciado por Paradores, que permitirá mellorar interiores,  renovar zonas comúns e instalar placas fotovoltaicas, ás que se destina o 70% da partida. 

Ademais, Abalde valorou a incorporación do Parador Costa da Morte á Rede de Puntos Violeta, unha iniciativa destinada a ofrecer  acompañamento e axuda a mulleres vítimas de violencia de xénero. “Este paso reafirma o compromiso da Administración coa igualdade e coa  creación de contornos seguros. É unha mensaxe clara: aquí as mulleres  contan con apoio e protección”, afirmou.

Julia Abalde, Valentin Gonzale Formoso e Julio Castro no Parador de Muxia

No acto tamén estivo o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. “O Parador da Costa da Morte é un motor económico e unha referencia turística que todos temos que axudar a impulsar e había unha demanda histórica de toda a comarca, que era que o Parador ampliara os seus meses de actividade. Hai uns meses, mantivemos unha reunión coa presidenta de Paradores para trasladarlle esta cuestión, que se comprometeu a facer.  Hoxe, xunto ao subdelegado do Goberno, quería agredecer ese compromiso”, explicou Formoso, que destacou que “o Goberno de España cumpre coa Costa da Morte, cumpre coa provincia da Coruña”.

Máis novas