As familias dos coles de Muxía únense contra os recortes no ensino

Continúa axitado o comezo de curso, e iso que xa levamos un mes. Pero parece que, a pesar das protestas das familias e das comunidades escolares, a Consellería de Educación non recúa e segue sen enviar os apoios necesarios para que as aulas discorran con normalidade en moitos centros de todo o pais.

Levamos semanas vendo como as familias de Cee están en pé de guerra levando ás demandas á rúa. Por Bergantiños os recortes na atención especial chegarán ao Parlamento. E por Muxía a cousa tamén é grave.

As familias da vila da Barca xa denunciaban a semana pasada os enganos da Inspectora de Educación da zona. Esta semana unirán forzas as familias que forman as ANPAS dos tres centros educativos (ANPA O Facho CEIP Os Muíños, ANPA O Enfesto do CEIP Virxe da Barca e ANPA O Castro do CEIP Vilarmide) nunha concentración que se vai celebrar este martes 7 de outubro ás 12:00h no Cabo da Vila.

Os centros perderon unha marea de horas de apoio á crianzas con Necesidades Educativas Específicas (NEE) ou Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE). ”Queremos Unha educación de calidade para todos e todas”, relata rotunda Belén, unha nai da ANPA O Facho, que critica que “a inspectora doña Isabel García Vila considera que temos suficiente apoio cando este ano nos sacou mestres e aumentaron os casos de alumnos con necesidades de apoio”.

Así, as familias piden apoio á toda a cidadanía para esixir un ensino de calidade para as crianzas do concello.

Máis novas sobre os recortes