venres. 19.09.2025
El tiempo

As familias dos coles de Muxía trasládanlle ao BNG os recortes educativos

Familias dos coles de Muxia con Merce Barrientos e Oscar Insua do BNG
Familias dos coles de Muxía con Mercé Barrientos e Oscar Insua do BNG
As familias dos coles de Muxía trasládanlle ao BNG os recortes educativos

Denunciaban onte en QPC as familias dos coles CEIP Os Muíños e Virxe da Barca e Vilarmide os recortes de profesorado de reforzo para alumnado con necesidades específicas educativas por parte da Xunta de Galiza en ditos centros escolares.. 

Así mesmo, as representantes das ANPAs trasladábanlle a responsables do BNG as diferentes problemáticas xurdidas neste comezo de curso. A voceira municipal do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, e o deputado da formación nacionalista no Parlamento galego, Oscar Insua, puideron comprobar que os 3 centros perderon horas de docencia de Pedagoxía Terapéutica (PT) con respecto ao curso pasado, a pesar de que este ano aumentaron os alumnos e alumnas que necesitan un especial apoio educativo. Así, trasladaron que no CEIP Os Muíños perderon un profesor de PT e converteron á profesora de Educación Física en itinerante. Ademais, o número de alumnado que require de axuda ascende, e hai crianzas con necesidades especiais polo que os recortes son incomprensibles. 

A ANPA do CEIP Virxe da Barca, de Muxía, explicou que os nenos e nenas desta escola tamén viron reducidas as horas de docencia de apoio, ao perderse a praza de PT que compartían co colexio dos Muiños. Así mesmo, que a Consellaría de Educación xuntou o alumnado de infantil de tres e catro anos, superando a ratio legal.

Os representantes do BNG reiteraron o respaldo do grupo nacionalista ás reclamacións das ANPA’S, e insistiron en que apoiarán en todo momento as reclamacións e mobilizacións que impulsen as familias. Neste senso, a voceira municipal do BNG de Muxía, Mercé Barrientos manifestou que “xa o ano pasado estivemos apoiando as concentracións das ANPA´s polos recortes educativos da Xunta en varios centros escolares, e logo das protestas a Consellaría de Educación tivo que repoñer ao profesorado que as familias demandaban; se o curso pasado as autoridades tiveron que suplir docentes, non se entende que agora fagan recortes aínda maiores”.

A concelleira nacionalista cargou contra a política educativa da Xunta. “Paréceme escandaloso o que están facendo co alumnado máis vulnerable. O ano pasado tiveron que rectificar, e este ano terán que volver a facelo”, afirmou Mercé Barrientos, que sinalou que lle parece lamentable que “estes recortes vaian acompañados dunha orde do goberno galego pola que se subvenciona aos colexios concertados para que contraten docentes de Pedagoxía Terapéutica (PT) Audición e Linguaxe (AL) e, incluso, con esas axudas permítense xustificar a contratación de fisioterapeutas”.


Máis novas sobre os recortes


 

Comentarios