As familias de Dumbría e Muxía volveron saír á rúa tras estar 6 dos últimos 13 meses sen pediatra

Xa hai anos que sufrimos a precaria situación do servizo de pediatra no sistema de saúde pública da Costa da Morte. E a cousa, a pesar das innumerables mobilizacións que levamos demostrado, non mellora. Así o reflicten as cifras: Dende xaneiro de 2021 a febreiro de 2022, as familias de Muxía e Dumbría (concellos que comparten puericultor, que vai 2 días a un centro de saúde e 3 ao outro), estiveron sen pediatra máis de 6 meses.

Así o denunciaban este sábado as familias das dúas vilas, fartas de queixarse, nunha nova concentración ás portas do Centro de Saúde muxián, convocada pola combativa asociación Asociación Pediatras e Matronas Xa.

A pesar de estarmos case acostumadas, non é normal pasar 4 meses seguidos sen pediatra durante o ano pasado e levar case 2 neste 2022.

Con pandeiretas, potas… e a ritmo das cantigas tradicionais e mesmo das Tanxugueiras, as familias protestaron nesta concentración máis que ruidosa, musiqueira.

”En Muxía e en Dumbría @s nen@s non poden enfermar? Non poden ter revisions nin vacinas? A solución é ser atendidos nas urxencias do hospital?”, pregúntase.

Novas sobre os recortes en pediatría