O Festival Escena Muller estréase este venres en Dumbría

Este venres 10 de outubro ás 13:00 h, no Albergue de Conco (Dumbría), terá lugar o acto de apertura de FEM 2025, a nova edición do Festival Escena Muller, cunha inauguración institucional da exposición “Coreografías do facer”, comisariada por Ana Estévez Lavandeira, do equipo do Museo do Pobo Galego.
A mostra reúne unha coidada selección de fotografías históricas realizadas polo folclorista e antropólogo Gustav Henningsen entre 1965 e 1968, que documentan o labor feminino nas vilas e aldeas de Galicia. As imaxes forman parte do arquivo da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico e foron itinerando nos últimos anos por concellos como Mesía, Vilasantar ou Chantada.
A escolla que se presenta en Dumbría céntrase nas coreografías dos traballos femininos: a súa dignidade, precisión, forza e beleza, visibles en escenas cotiás protagonizadas por mulleres galegas de mediados do século XX.
O acto contará coa presenza da deputada provincial de Igualdade, Soledad Agra, representantes institucionais dos concellos implicados e diversas entidades colaboradoras. Tras a apertura, ofrecerase un pequeno aperitivo aberto ao público asistente.
Un festival descentralizado, igualitario e interxeracional
FEM 2025 desenvolverase durante todo o mes de outubro nos concellos de Camariñas, Dumbría e Vimianzo, combinando propostas escénicas, accións ambientais, espazos de coidado, obradoiros, encontros interxeracionais e iniciativas de recuperación da memoria, coa vontade de facer da cultura unha ferramenta de transformación colectiva.
O festival está patrocinado pola Deputación da Coruña, conta co apoio das administracións locais e a colaboración de entidades do territorio como Mar de Fábula, AFIPRODEL, APTCM , Museo do Pobo Galego e a Asociación de Empresarios de Camariñas, entre outras.