As Costas da Morte en FITUR (IV): Muxía une lazos con Paradores

Intervención de Iago Toba alcalde de Muxí no stand de Paradores de Muxia

Vai rematando esta 40 edición da FITUR, a feira de turismo máis importante do estado. E xa vimos como foi a presentación do Gran Fondo Ézaro e La Vuelta; as intervencións d@s alcaldes/as de Camariñas, Cee, Vimianzo e Muxía (que cedeu parte da súa intervención á asociación Muxía Natural) no stand de Tourespaña, así como a presentación da CMAT, no marco de Turgalicia, do proxecto “4 formas de vivir intensamente a Costa da Morte”.

A última cita tivo acento muxián, e incidencia nacional. Tiña lugar no stand de Paradores, e foi Óscar López, presidente da compañía, o que falou do Parador de Lourido como un “referente de sostibilidade, así como importante contedor para expoñer arte galego, e un espazo para a mellor gastronomía”. “Pura Galicia, puro Atlántico”, destacou do que ten que ser a “bandeira do turismo sostible”.

Lembrou que estará aberto en Semana Santa e deu moita importancia a que o novo director sexa Julio Castro, o fisterrán que despois de moitos anos á fronte do Parador máis emblemático da compañía, o dos Reis Católicos, volve a casa, á Costa da Morte.

O alcalde de Muxía, Iago Toba quixo agradecer a aposta de Paradores por Muxía e explicou como presume da paraxe, de gastronomía, e sobre todo de xentes. “Presumo xa de todo un Parador e dun director moi importante, que garantiza o éxito, porque o Parador de Muxía vai ser unhaq transformación no económico, no turístico e no social”.

Convenio entre Paradores e Muxía Natural


Suso Lema, de Muxía Natural, Iago Toba e Óscar López asinando o convenio de colaboración

A nota máis singular que importante que salientou foi a sinatura dun convenio entre Paradores e a Asociación Muxía Natural. Un convenio impulsado polo propio alcalde para “unir ao parador co pobo muxián, coa nosa vida diaria, unilo ca Costa da Morte”.

Aproveitou o tempo Toba para manter encontros tanto coa Ministra de Turismo, como coa Secretaria de Estado de Turismo, para trasladarlle certas ideas e peticións que beneficien a Muxía.

FITUR 2020

Máis crónicas da FITUR