Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A Costa da Morte promociona en Fitur a súa parte máis deportiva e natural

A Costa da Morte promociona en Fitur a súa parte máis deportiva e natural

gran-fondo-ezaro-fitur Representantes de case todos os concellos da Costa da Morte asistiron á presentación do Gran Fondo do Ézaro que tivo lugar onte en FITUR Co bo sabor de boca que deixaron as cifras turísticas do 2017 na comarca, representantes de case todos os concellos da Costa da Morte asisten estes días á 38ª edición de FITUR; a Feira Internacional do Turismo que se celebra dende onte e ata o domingo en Madrid. Aquí presentouse onte oficialmente o Gran Fondo Ézaro da man do deputado responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, o deputado provincial e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, e os ciclistas Ezequiel Mosquera e Perico Delgado, entre outros. Cunha grande afluencia de público desenvolveuse o acto de presentación conducido polo xornalista Terio Carrera. Tamén o director de La Vuelta a España, Javier Guillén, o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, e a secretaria xeral para o Deporte da Xunta, Marta Miguez, ademais de numerosos alcaldes dos concellos que atravesa a ruta ciclista. O deputado de Turismo, Xosé Regueira, destacou o potencial da proba para a promoción dos recursos da Costa da Morte nunha aposta “que combina paisaxe e deporte e supón un singular escaparate da beleza natural e patrimonial da comarca”. O responsable da área de Turismo destacou a relevancia do deporte na oferta turística e, neste sentido, referiuse ás presentacións en edicións anteriores de FITUR de propostas como a Ruta dos Faros, o Camiño Inglés ou o Camiño de Santo André. Paraxes únicas na fin do mundo alcaldes-costa-da-morte-fitur A presentación do Gran Fondo do Ézaro tivo unha concurrida presencia de alcaldes da Costa da Morte Pola súa parte, o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, destacou a conxunción de recursos patrimoniais e naturais da contorna da proba ciclista que fan de especial interese para a promoción turística da comarca. “Estamos a falar da fin do mundo, dunha paraxe única na que se atopan a lagoa de Louro, a praia de Carnota, a máis longa de Galicia, ou o santuario da Virxe da Barca de Muxía”. O alcalde de Dumbría destacou que “o ciclismo contribuíu a dar a coñecer en todo o mundo o Mirador do Ézaro” e lembrou o exponencial incremento de turistas, que pasaron dos 2.000 do ano 2012 aos 62.000 do pasado ano. Tanto Ezequiel Mosquera como Perico Delgado ou o propio Javier Guillén relataron a súa experiencia na subida da proba e fixeron fincapé na gran beleza dunha “paisaxe sobrecolledora” como a do Ézaro. A proba, que se celebrará o vindeiro 8 de xullo, manterá o itinerario das derradeiras edicións, atravesando os concellos de Dumbría, Mazaricos, Muros, Muxía, Cee e Carnota. Un itinerario “equilibrado”, segundo a organización, que permite a celebración deste espectáculo deportivo sen repercutir en exceso no ritmo dos municipios polos que pasa. Entre as novidades que presenta a edición deste ano, Ezequiel Mosquera destacou que o Gran Fondo Ézaro 2018 “pasa a integrar a UCI Gran Fondo World Series”, unha competición organizada pola Unión Ciclista Internacional, na que o Ézaro será a única proba no Estado español das 21 que a integran. Así, o organizador da proba cicloturista sinalou que os participantes que consigan puntuar nas probas deste campionato, terán a posibilidade de acceder ao Mundial de Gran Fondo. Con todo, e a pesar de considerar que formar parte da proba da UCI representa un “valor engadido” para o Gran Fondo Ézaro, o ciclista de Cacheiras salientou que a proba “seguirá a manter o seu carácter popular e estará aberta a todo o mundo como sempre”. A carreira conta con dúas modalidades, segundo capacidade dos participantes, podendo inscribirse na súa variante de medio fondo (70 quilómetros) ou unha modalidade de gran fondo (140 quilómetros). “Á metade da carreira pasa pola Praia de Ézaro, así as persoas que non se vexan capacitadas para facer de xeito íntegro o percorrido teñen a opción de subir ao Ézaro antes”. A subida ao Mirador do Ézaro é un dos grandes atractivos da proba, un coloso de tan só 1’8 quilómetros de lonxitude que acada pendentes de ata o 23%. Deporte e Natureza mestúranse nun evento que xa forma parte do calendario ineludible do verán galego. A súa derradeira edición contou con máis de 1.000 participantes, atravesando a liña de meta en primeiro lugar o tetracampión mundial de triatlón e medalla de prata olímpica, Javier Gomez Noya, que completou o esixente percorrido da marcha cicloturista cun tempo de 3:11:02. Zas concello-zas-fitur O concello de Zas promociona en Fitur os seus principais recursos turísticos, tales como a Festa da Carballeira ou as Torres do Allo Alí tamén están representantes do concello de Zas que baixo o lema "Acércate a Zas" dan a coñecer varios dos seus proxectos estrela: a Festa da Carballeira, a Ruta dos Pazos e as Torres do Allo que veñen de bater récord de visitas durante o 2017. Ademais da promoción do seus propios recursos turísticos, aproveitarán para participar en distintos eventos; tales como foros profesionais, conferencias ou encontros con turoperadores. Juan Jose Blanco, presidente do CMAT e alcalde de Mazaricos, presentou no stand de Turismo de Galicia o xeodestino da CostaDaMorte Camiño dos Faros O Camiño dos Faros tamén se subiu ao escenario do stand de Turismo de Galicia para recibir o premio "Ao viaxe de Aventura do ano 2017"; un galardón outorgado pola revista Oxígeno. A revista destacou que "O Camiño dos Faros descubriu as suxerentes e increíbles paisaxes da Costa da Morte nun itinerario de 200 quilómetros dividido en 8 etapas que une Malpica con Fisterra, de faro a faro, pola beira do mar. Faros, praias, dunas, ríos, cantís, montes, miradores e espectaculares postas de sol. Unha ruta de sendeirismo como poucas".

Novas relacionadas

Fonte

Fonte

Comentarios