Unha homenaxe ás mulleres das ANPA’s da comarca

Merecida homenaxe a que prepara a Acción Feminista do BNG da Costa da Morte para este sábado 14 de marzo: unha homenaxe ás mulleres das ANPA’s, que están loitando para reivindicar mellores condicións materiais nos centros escolares da comarca, como instalacións e equipamentos, así como máis recursos docentes, especialmente de profesorado de apoio para alumnado con necesidades especiais, nomeadamente de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe.

O acto, enmarcado na celebración do 8-M, desenvolverase no Salón do Voluntariado de Muxía a partir das 20 horas e será presentado pola voceira municipal do BNG, Mercé Barrientos. Foron invitadas as ANPA’s dos concellos de Fisterra, Corcubión, Cee, Carnota, Dumbría, Muxía, Vimianzo, Camariñas e Zas .

“Neste curso 2025-2026  toda a comarca vén de sufrir recortes importantes en educación, e as accións das ANPA’s, constituídas maioritariamente ou en moitas ócasións unicamente por mulleres, en defensa do ensino público fannas merecedoras dun recoñecemento, especialmente neste curso no que veñen participado en numerosas concentracións e manifestacións en defensa do ensino e do alumnado máis vulnerable”, sinalou o grupo feminista do BNG comarcal.

As organizadoras subliñaron que,  a maiores das reivindicacións e a colaboración cos centros educativos, moitas das ANPA’s fan labores de organización de actividades extraescolares e de conciliación que son fundamentais. Así mesmo, salientaron o feito de que adoitan ser as mulleres as que desenvolven estas tarefas que non son remuneradas, mais son esenciais.

Ao acto tamén están invitadas as direccións dos centros de ensino, así como as mulleres que foron agasalladas en anos anteriores (traballadoras do SAF, deportistas, panadeiras,  peixeiras e artistas da comarca). O obxectivo é construír unha cadea de sororidade. Tamén toda a veciñanza da comarca, para acompañar a estas mulleres e facerlles chegar o seu apoio.

Durante o evento haberá actuacións musicais e ao remate servirase un viño galego con petiscos.

Máis novas