Venres. 26.04.2024
El tiempo

Miro Villar presentará As Crebas en Muxía

Miro Villar presentará As Crebas en Muxía
Miro Villar Na xornada de mañá venres, 19 de agosto, terá lugar en Muxía a presentación do libro “As Crebas” do poeta ceense Miro Villar, recentemente publicado en Espiral Maior e premiado co XIII Premio de Poesía Concello de Carral. O acto celebrarase ás 21:00h na Praza do Cabo da Vila de Muxía. No caso de que chova, a cita trasladariase ao Salón de Actos. A presentación da publicación está organizada pola Fundación Gonzalo López Abente. Participarán, ademáis do autor do libro, o presidente da Fundación e alcalde de Muxía, Félix Porto, o escritor e vicepresidente da Fundación,  X. H. Rivadulla Corcón e o poeta fisterrán Alexandre Nerium. A Fundación Gonzalo López Abente amosouse moi satisfeita por contar no seu Padroado e na súa Comisión Executiva coa presenza de Miro Villar, ao que consideran un autor imprescindible na literatura galega e ao que a Costa da Morte debe moito, xa que é autor de numerosos estudos e antoloxías de poetas da zona. Este é o caso de Gonzalo López Abente do que, ata o momento, o único estudo publicado é o que fixo Miro na Antoloxía Poética do autor muxián. Segundo explican, durante moitos anos de silencio sobre a figura e a obra de López Abente , a única fonte á que se podía acudir - se non se dispoñia de edicións antigas- para ter de primeira man os textos do autor foi esta publicación de Miro Villar. A Fundación quere agradecer a Miro Villar o seu traballo, gardando a memoria de poetas como o propio Abente, Paz Lestón, Antón Zapata e outros. Na actualidade xa se atopa en prensa a edición que Miro Villar preparou dun inédito de López Abente, “Bretemada”, que sairá á luz no presente ano publicada pola Editorial Alvarellos e a Fundación L. Abente, e prologada por Xosé Luís Méndez Ferrín. Segundo a Fundación López Abente, o traballo de Miro Villar é un esforzo constante pola dignificación da Costa da Morte e da súa literatura e ademáis a súa obra , amplamente premiada e recoñecida,  e é un orgullo para tódolos habitantes da Costa.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Fundación Gonzalo López Abente.

Comentarios