Muxía acolleu a clausura do obradoiro dual de emprego
A biblioteca municipal de Muxía acolleu onte o acto de clausura da quinta edición do Obradoiro dual e de emprego ‘Camiño ao Emprego’ 2023-2024.
No acto participaron o alcalde, Javier Sar, xunto coa delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, a tenente de alcalde, Sandra Vilela e as rexedoras de Camariñas e Vimianzo, Sandra Insua e Mónica Rodríguez, respectivamente.
A iniciativa, posta en marcha polos concellos de Muxía, Camariñas e Vimianzo, desenvolveuse desde decembro do ano pasado e nela un total de 20 participantes tiveron ocasión de formarse de xeito teórico e práctico en dúas modalidades: “Limpeza en espazos abertos e instalacións industriais” e “Operacións auxiliares de revestimentos continuos e construción”. En total realizáronse 54 actividades prácticas formativas nos tres municipios participantes.
O Concello de Muxía, como entidade promotora, recibiu unha subvención de máis de 546.000 euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para desenvolver o Obradoiro, que, en parte, serviron, para o soldo que recibiron os alumnos-traballadores durante os 6 meses do programa.