Muxía Cultural convertirá a vila da Barca en epicentro das Letras Galegas
- Muxía celebrará o Día das Letras Galegas todas as fines de semana de maio con encontros, charlas, roteiros, presentacións de libros e música tradicional.
- Realizarase unha homenaxe á cantareira muxiá Eva Castiñeira
O proxecto Muxía Cultural xa é unha realidade. A iniciativa publico-privada (entre o Concello de Muxía e a cooperativa cultural Horta Creativa), despois da exitosa festa do Congro de Semana Santa, comeza a súa andaina para encher a vila da Barca coas Letras Galegas, cun completo programa dun mes enteiro para render homenaxe ás cantareiras.
Porque entre as homenaxeadas pola Real Academia das Letras atópase a muxiá Eva Castiñeira, de xeito que Muxía ten que ser referente nacional. Así que do sábado 3 de maio ata o sábado 24 de maio, haberá concertos, espectáculos, encontros e unha homenaxe á cantareira da terra. Felisa Segade e Montse Rivera, de Leilía, Xabier Díaz ou Antía Muíño, entre outros, visitarán a vila durante este mes no que haberá encontros, charlas, roteiros, presentacións de libros, e moita música tradicional.
Programación completa do Maio das Letras
Os actos comezarán o sábado 3 de maio co Espectáculo musical Axudádeme a cantar de Felisa Segade e Montse Rivera (cofundadoras de Leilía). Será ás 20:00 horas no Salón do Voluntariado.
O sábado 10 de maio Muxía acollerá a mesa redonda “De Eva ás vellas de Mens”, e as presentacións dos libros Cantareiras, de Xosé Manuel Varela e Icía Varela; e As Vellas de Mens, de Xosé Manuel Fernández Pensado. Será ás 19:00 horas no Salón do Voluntariado.
O 11 maio será a palestra con Xabier Díaz “Metendo as mans na terra”. Ás 12:00 horas no Salón do Voluntariado.
O propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio, farase a Ruta Abentiana por Muxía coa fundación López Abente. Sairase ás 11:00 horas do monumento de Gonzalo L. Abente, na Cruz.
Á tardiña celebrarse o Serán das Letras. Comezará ás 18:00 horas no Cabo da Vila, e participarán a Coral Virxe da Barca, o Coro tradicional Xacarandaina, as Abaladeiras Muxía, e a Pandeireta Xacarandaina. Ao remate, haberá foliada libre.
O 18 de maio a celebración trasladarase á aldea da cantareira Eva Castiñeira, Agranzón, onde se lle realizará unha homenaxe. Será ás 12:00 horas e participarán as Abaladeiras.
A programación terminará o 24 de maio co concerto de Antía Muíño. Ás 20:00 horas no Salon do Voluntariado.
Todos os eventos son de acceso libre até completar aforo. Pódese consultar máis información sobre a programación nas redes sociais de Muxía Cultura.