mércores. 30.04.2025
El tiempo

Muxía Cultural, o novo proxecto que convertirá a vila da Barca en referente cultural

Presentacion Muxia Cultural
David Fernández, Manu Nogueira, Sandra Vilela, Javier Sar, Miriam Carrul, Sergio Tarrela e Adrián Alcaina durante a presentación
Muxía Cultural, o novo proxecto que convertirá a vila da Barca en referente cultural

Botou a andar o proxecto Muxía Cultural, un proxecto que marida o poder municipal coa ilusión, creatividade e profesionalidade dun grupo de rapaces que queren dinamizar a vila. Unha receita recollida do Faladoiro organizado o pasado mes de decembro sobre programación cultural que colle forma da man do grupo de goberno do Concello de Muxía e a cooperativa cultural Horta Creativa.

O proxecto presentouse esta mañá de mércores nun acto na Biblioteca Municipal de Muxía ao que asistiron o alcalde de Muxía, Javier Sar; a concelleira de Cultura, Sandra Vilela; a técnica de Cultura, Miriam Carril; e os integrantes de Horta Creativa, Manu Nogueira, , Sergio Tarrela e Adrián Alcaina.

Na cita destacaron a idea de poñer en valor todo o que a vila e a comarca teñen que ofrecer, organizando eventos que combinen a tradición, a gastronomía, a contorna e o patrimonio da zona, e fagan de Muxía un mellor lugar para vivir.

“Muxía Cultural é o proceso de creación dunha escena cultural que vai transformar o noso Concello e darlle unha nova identidade fundamentada na cultura, na unión da nosa xente e na aposta por un modelo de desenvolvemento sostible que favoreza a nosa comunidade”, destacou a popular Vilela, quen asegurou que este proxecto é “un compromiso co futuro cultural de Muxía”.

Así, explicou que o proxecto non é só unha iniciativa, senon “un novo xeito de entender o noso territorio, e de recoñecer e valorizar o que somos a través da nosa historia, as nosas tradicións e a nosa cultura”. Por iso, buscarase a unión de todos os axentes sociais e culturais da vila, para que “se sintan parte dunha grande familia que avanza xunta”.

Pola súa banda, o alcalde de Muxía (Independentes por Muxía) celebrou a posta en marcha desta “ambiciosa iniciativa” e destacou tanto a aposta do Concello pola cultura, como o traballo feito por Horta Creativa. “Uns rapaces que decidiron quedar vivir na vila e apostaron por promocionar a cultura, é algo moi destacable”, asegurou lembrando accións exitosas como o Festival Comarea, ou o convertir o Camping Lago Mar nun referente comarcal. 

“Facer que Muxía sexa un lugar máis atractivo para vivir”

“Por escena cultural entendemos a unha comunidade comprometida e con inquedanzas culturais. Noutras palabras, que lle gusta asistir a concertos, a obras de teatro ou a calquera outro evento relacionado coa cultura”, indicou Nogueira.

“É un proxecto que nace coa mirada posta no longo prazo, e na xuventude e no futuro de Muxía, para que o día de mañá haxa máis artistas locais, xa sexan músicos, de artes plásticas ou de artes escénicas. O obxectivo é mellorar a calidade de vida dos habitantes do Concello, e facer que Muxía sexa un lugar máis atractivo para vivir”, compartiu.

Nese senso, referiuse á perda de habitantes que sofren a maioría de municipios da Costa da Morte,  motivo “polo que necesitamos que veña xente a vivir aquí, e ofrecendo unha oferta cultural dinámica aumentamos as posibilidades de que a xente elixa Muxía para vivir”. E lembrou que “o turismo en Muxía é moi importante, hai moitos negocios onde o turismo é a súa principal fonte de ingresos”, polo que “con este proxecto tamén fomentamos que Muxía sexa máis atractiva para visitar”.

Así mesmo, “consideramos que asistir a eventos culturais é un ocio sano e didáctico, polo que entendemos que non hai mellor maneira que intentar facer de Muxía unha referencia cultural da zona, esto solo nos pode traer beneficios”, asegurou.

O programa

A Festa do Congro será o primeiro evento de Muxía Cultural os vindeiros 18 e 19 de abril, cunha programación chea de gastonomía e música. 

No acto tamén se anunciou o programa completo polo Día das Letras Galegas, que constará dun mes enteiro de actividades que incluirá un acto na honra da muxiá Eva Castiñeira, unha das cantareiras homenaxeadas este ano.

Así, na programación terán cabida distintas expresións artísticas, sendo a música unha das protagonistas. Durante o ano pasarán por Muxía artistas de todo tipo: dende música tradicional, ata Rock and Roll ou músicas do mundo. “Vemos fundamental que tamén haxa variedade en canto aos estilos, xa que iso é o que crea as inquedanzas culturais, que son tan importantes para o proxecto”, engadiu Nogueira.

Máis novas

 

Comentarios