Mércores. 23.10.2024
El tiempo

As Pandereteiras de Mens e a muxiá Eva Castiñeira, entre as cantareiras ás que a RAG adica as Letras Galegas 2025

  • O Concello de Zas, lonxe de crear polémica pola decisión de non homenaxear a Labarta Pose, ofrece á súa colaboración á RAG para calquera evento. 
Pandeireteiras-de-Mens
As pamdereteiras de Mens
As Pandereteiras de Mens e a muxiá Eva Castiñeira, entre as cantareiras ás que a RAG adica as Letras Galegas 2025

A pesar dos esforzos do Concello de Zas en conseguir que a Real Academia Galega adicase ás Letras Galegas a Labarta Pose no 100 aniversario do seu pasamento, a RAG vén de decidir que a homensaxe no 2025 sexa para as cantareiras e a poesía popular oral. 

Unha máis que merecida homenaxe que serve para poñer en valor o legado de milleiros de mulleres que, a través da tradición, mantiveron a lingua viva e digna.

A RAG personifica ademais a homenaxe a todas as cantareiras do país, en varias mulleres: Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar –as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) falecidas hai máis dunha década–.

Dende a ARG queren ademais vincular esta tradición centenaria  coa pegada nas novas xeracións, de xeito que vindeiro 17 de maio dialogará asemade coa modernidade de artistas que hoxe exploran novos vieiros para a literatura de base popular partindo da tradición recibida, sempre unida a outro tesouro patrimonial colectivo: a música. Desde os que recolleron cantigas directamente nas aldeas, como Fuxan os Ventos nos anos 70 e despois Milladoiro, ata Mercedes Peón, Leilía, Xabier Díaz ou, xa parte de xeracións máis novas, Faia Díaz, Sés, Baiuca, Mondra, Caamaño&Ameixeiras,  Fillas de Casandra ou as Tanxugueiras.

Dorothé

A entidade aproveita así para recoñecer o traballo realizado pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico fonsagradino Antón Santamarina, autores da recolleita e edición nos anos 80 do século pasado da biblia do noso folclore, o Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié), permitiu identificar informantes como Adolfina Casás Rama (1912-2009), Rosa Casás Rama (1913-2005), tía e sobriña naturais da Vila da Igrexa, lugar da parroquia de Cerceda. Tamén a principios dos 80 Milladoiro subía aos escenarios a Eva Castiñeira quen, canda a súa sobriña, foi a primeira pandeireteira en actuar cun grupo folk. Antes, dende os primeiros 70, actuarían en palcos folclóricos as Pandeireteiras de Mens. A historia destas cinco mulleres foi recuperada na presente década nun libro de Beatriz Busto Miramontes editado pola Central Folque, selo que editou tamén outro volume sobre Adolfina e Rosa Casás Rama escrito por Richi Casás.

Eva Castiñeira (Muxía)

foto-de-eva-castiñeira

Eva Castiñeira (1926-2010), veciña do lugar de Agranzón, en Muxía, aos oito anos de idade xa cantaba nos bailes e romarías con outras dúas pandeireteiras veciñas da bisbarra e coa súa irmá Engracia. Coma moitas mulleres do seu tempo, emigrou á Coruña para traballar no servizo doméstico e asentouse no barrio de San Pedro de Visma. A principios da década dos 80 traballaba como asistenta na casa dun dos socios da discográfica Ruada, que se decatou do seu talento musical e lle falou dela a Rodrigo Romaní. Pouco despois, en 1981 e convidada por Milladoiro, Eva convertíase, canda a súa sobriña, na primeira pandeireteira en subir a un escenario cun grupo folk, nun concerto celebrado no pavillón de deportes da Coruña.

Tres anos despois, a voz de Eva Castiñeira quedou rexistrada, canda as interpretacións de Florencio López Fernández, o cego dos Vilares, no álbum Recolleita, coordinado por Pablo Quintana. As melodías da cantareira tamén se integraron no álbum Galicia no país das maravillas (1986), gravado no estudio dublinés Windmill Lane e no que tamén participaron tres novas tocadoras, Elisa Segade, Cristina García e Pilocha Rivas. Comezaba así un novo ronsel que se proxecta ata as Tanxugueiras, pasando por Leilía, grupo que lle dedicou á memoria de Eva Castiñeira o seu disco Consentimento (2012), dende a consciencia de que, coma tantas mulleres creadoras e artistas, non obtivera en vida o recoñecemento merecido.

Outras músicas que lle debemos a Eva Castiñeira son o “Valse de Agranzón”, que ten interpretado Xabier Díaz; “Ao pasar pola Coruña”, incluído por Luar na Lubre no disco Mar maior (2012), e cantada tamén por Pinto de Herbón nos tempos do rock bravú e en concerto con Manu Chao; ou a chamada “Jota de Eva” que Leilía incluíu, cantada por ela mesma, no devandito disco de homenaxe.

As Pandeireteiras de Mens

Fotografía histórica das pandereteiras de Mens (Malpica-A Coruña) e o bailador Manuel Cajaraville
Fotografía histórica das pandereteiras de Mens (Malpica-A Coruña) e o bailador Manuel Cajaraville

As Pandeireteiras de Mens foron cinco labregas da parroquia malpicá que lles deu nome: Prudencia Garrido Ameijende (1905-1993) e a súa irmá Asunción Garrido Ameijende (1915-2007), do lugar de Asalo; e Manuela Lema Villar (1913-1993), Adela Rey Torrado (1920-2016) e Teresa Lema Varela (1924-2019), do lugar de Mens. Adela e Teresa faleceron hai menos de dez anos, o que impide que poidan ser formalmente homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025.

Cando algunha xa superaba os 80 anos, as Pandeireteiras de Mens viaxaron por Europa e América coa súa música acompañando, a partir de 1972, a Agrupación Folclórica Aturuxo, tras contactar con elas o seu director artístico, Manuel Cajaraville Pensado. A historia das tamén chamadas “Vellas de Mens” foi rescatada nunha completa obra de Beatriz Busto Miramontes levada ao prelo en 2021. Nestas páxinas a musicóloga e antropóloga social refírese a elas como a cabeza visible a audible do rexurdimento moderno da música bailable de tradición oral en Galicia; e conta como as cinco veciñas de Malpica aproveitaron as oportunidades que o folclore que outrora enchía de coplas e baile as rogas agora lles presentaba para viaxaren e viviren experiencias que se supuñan pouco adecuadas para a súa idade e orixe. Elas, pola súa parte, fixeron patente que, ademais dos gaiteiros, cumpría ter en conta as mulleres e o patrimonio oral que representaban.

 

Rosa e Adolfina Casás Rama

Dorothé Schubarth chegou á Vila da Igrexa en marzo de 1980 para gravar e documentar o canto de Rosa (1912-2009) e Adolfina Casás Rama (1913-2005), as primeiras das seis mulleres protagonistas das Letras Galegas 2025 en viren ao mundo. A musicóloga ficou abraiada pola variedade das melodías que achegaron e a orixinalidade das súas coplas, algunhas delas únicas no repertorio galego. Eran ademais boas improvisadoras, malia non ser a regueifa unha práctica común na comarca de Ordes.

Adolfina e Rosa eran tía e sobriña, pero criáronse practicamente como irmás. As dúas eran fillas de solteira e dende ben cativas tiveron que gañar o pan en condicións moi duras. Coñecidas na contorna pola súa arte como cantareiras e tocadoras, eran convidadas decote aos traballos comunais e a súa presenza constituía unha atracción destacada nas foliadas da zona de Cerceda. A chegada da radio, nos anos 50, e dos grupos de gaiteiros, os acordeonistas da Coruña ou as orquestras promoveron a popularización doutros estilos musicais e mudaron os costumes. As cantareiras ficaron daquela silenciadas durante un longo tempo. Rosa emigrou a Inglaterra nos 60 e Adolfina quedou na Vila da Igrexa, ata que nos anos 80 volveron xuntarse e recobraron o seu xeito de tocar, arredor das celebracións familiares.

A súa historia aparece recollida no libro Fuliada na vila (A Central Folque, 2020), escrito polo seu neto e sobriño neto Richi Casás, quen centrou o seu traballo de fin de carreira no Conservatorio Superior da Coruña na relación entre o jazz e a música tradicional. O título do volume dá tamén nome ao proxecto musical no que, a través da lente do jazz, se achega á música popular que preservaron Rosa e Adolfina.

Máis novas

 

Comentarios