mércores. 30.04.2025
El tiempo

Un Concurso de Monólogos para o programa de maio do Camping Lago-Mar de Muxía

campinglagomar
Un Concurso de Monólogos para o programa de maio do Camping Lago-Mar de Muxía

O camping Lago-mar, segue buscando afianzarse como foco cultural da comarca. O equipo de Horta Creativa quere facer deste enclave situado na Praia de Lago, nun fervedoiro cultural e para iso prepara unha programación cultural para todas as fins de semana de maio. Un mes que terá como protagonista o I Concurso de Monólogos LagoMar, buscando a promoción de talento local, e facendo do humor unha das mellores axendas da zona, formulada tanto para hóspedes, visitantes e habitantes dos arredores.

O camping, que reabriu as súas portas o pasado 12 de abril e xa ten as reservas abertas na súa web, quere ser un espazo cultural vibrante, onde teñen cabida a música e as artes, cunha unha ampla e diversa programación cultural que se actualiza mes a mes. Este mesmo sábado acolle un interesante faladoiro con varios xogadores do Fútbol da Costa.

Xa para maio, a programación comezará o festivo do 1 de maio cunha Foliada máis Cocido. A partir das 13:00 horas estarán no camping Do Rivés e Nin Chica Nin Patacón, e a partir das 14:30 horas haberá foliada libre.

O 2 de maio poderase vivir o microteatro de Gizen, con Con Javi Tink, Lexi Fraga e Aarón Quintela. Interpretarán dúas pezas: Coalición a domicilio e ParaSempre.

E o 3 de maio farase unha actividade moi primaveral con Sabores Espontáneos: unha Xornada de Plantas Silvestres Comestibles da Beiramar, onde as e os participantes aprenderán a identificar algunhas destas plantas… e a cociñalas. Esta actividade ten un prezo de 29 euros para adultos/as, e de 12,50 euros para nenos/as (ata os 12 anos), e precisa inscrición previa no email: info@campinglagomar.es.

Os domingos do mes serán especiais porque serán día de brunch. Serán os domingos 4, 11, 18 e 25 de maio. E a música tamén terá coma sempre o seu espazo protagonista cos concertos de Marinaldo Lyra o 4 de maio; Coídos o 10 de maio; Luizga o 25 de maio, e Sanny o 31 de maio.

O Concurso de Monólogos LagoMar

Ademais, en maio celebrarase o I Concurso de Monólogos LagoMar. Terá tres fases os 9, 16 e 23 de maio. A inscrición está aberta ata o luns 5 de maio, e poden presentarse os maiores de 18 anos, enviando un correo a hortacreativa@gmail.com, para ofrecer un monólogo de máximo 15 minutos.

Serán 8 os participantes, que gozarán de cea, aloxamento e almorzo para as persoas participantes máis a un acompañante por participante, e que irán actuando nas semifinais (os 9 de maio e 16 de maio), con 4 participantes cada día. A gran final será 23 de maio, coas 4 persoas finalistas, cunha proposta distinta.

Bos premios terán os gañadores cun primeiro premio de 300€ e unha fin de semana con aloxamento e pensión completa no camping para dúas persoas; e varios premios máis.

Máis novas

Comentarios