Os alumnos dos Muíños estrearon as visitas guiadas dos Secadoiros de Congro

O pasado venres comezaron as visitas guiadas que os Centros Educativos do municipio realizarán aos secadeiros de congro de Muxía. As visitas están organizadas polo Concello de Muxía, para dar a coñecer entre os escolares a importancia dos secadoiros, como se traballa neles e a súa historia. Unha gran ocasión para espalar o patrimonio propio e facer que dende pequenos os nosos veciños sigan valorando unha tradición tan auténtica coma esta.

A primeira quenda de visitas foi o venres pasado, cos máis pequechos do CEIP Os Muíños. Os rapaces e rapazas, acompañados de profesorado, foron recibidos no secadoiro pola Técnico de cultura, Viki Rivadulla, que lles falou da importancia dos secadoiros, de cómo se pesca o congro, etc…para logo pasar ao almacén e ver in situ unha demostración da preparación do congro para colgalo nas cabrias. Esta demostración fíxoa Miguel Diz, quen toma o relevo do seu avó, Juan Diz, neste oficio que se leva facendo en Muxía dende que os primeiros pescadores ocuparon a zona.

Os nenos e nenas desfrutaron dunha visita na que puideron facer preguntas sobre os aspectos que máis espertan a súa curiosidade e mesmo leron un poema de Manuel Rivas que fala dos secadoiros de Muxía.

Máis visitas

Nas vindeiras semanas continuarán as visitas a estos secadoiros que son un valor cultural, patrimonial e etnográfico que non debe desaparecer e que contribúen a unha oferta turística de calidade de Muxía e ao mantemento da cultura mariñeira que caracteriza esta vila.

Este sábado, de feito, había programada unha visita guiada, pero non se xuntaron o mínimo de 10 persoas necesarias para levala adiante, pois cómpre lembrar que os sábados descansa a familia do congro muxián.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Muxía.