Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Ponteceso acolleu a 2ª edición dos premios “Recoñecemento Deportivo”

Ponteceso acolleu a 2ª edición dos premios “Recoñecemento Deportivo”

O salón de actos do Edificio das Escolas acolleu a gran festa do deporte de Ponteceso. Entidades e deportistas locais, familiares, amigos/as e veciños/as do municipio déronse cita na 2ª edición dos premios “Recoñecemento Deportivo Concello de Ponteceso”, organizado pola Concellería de Deporte, que dirixe Raquel Fondo, para recoñecer o esforzo, a dedicación e os logros acadados polos nosos/as deportistas durante a última temporada.

O acto deu comezo coa interpretación do himno galego, que correu a cargo da cantante e tamén deportista local Noelia Leis, que ademais fixo de presentadora do evento. A continuación, o alcalde Xosé Lois García Carballido fixo uso da palabra para agradecer o traballo de todas as entidades e profesionais “que fan posible que na actualidade o noso municipio sexa un referente deportivo con campións en diferentes disciplinas que pasean o nome de Ponteceso por toda a xeografía española”. Así mesmo, fixo especial fincapé na importancia de unir esforzos e traballar en equipo nunha mesma dirección “porque os grandes deportistas fanse desde a base e día a día”, subliñou.

Os primeiros/as en subir ao escenario foron os pequenos e pequenas da Escola Deportiva Municipal de Baloncesto, que sen perder ningún partido e cun comportamento impecable quedaron campións esta temporada da Liga Pre-Mini Basquet na categoría Benxamín. Outra escola que tamén recibiu medalla foi a de fútbol sala. Os xogadores das categorías Benxamín A, Alevín A e B recibiron cadanseu trofeo como recoñecemento aos logros obtidos este último ano.

O Concello de Ponteceso tamén quixo premiar a traxectoria de Carlos Suárez Durán, Cinto Negro 1º Dan, que pese á súa curta idade xa acumula grandes vitorias no seu palmarés deportivo ao igual que Nerea Amado Baneira e Martín García García, da escola KickBoxing Ponteceso, que veñen de lograr o podio a nivel autonómico e nacional.

Ao igual que na pasada edición, tampouco faltaron os xogadores do Puenteceso SD e do Corme CF. Nesta ocasión, os galardoados foron os integrantes do equipo Alevín (Campións de Liga) e do Xuvenil (Campións Copa da Costa), respectivamente.

O momento máis emotivo da noite tivo un nome propio: Modesto Gervasio Parga Costa, veciño da localidade, futbolista destacado durante a súa xuventude e promotor da 1ª Liga de Fútbol da Costa de Veteranos, hai xa 16 anos, a quen o Concello de Ponteceso quixo render unha merecida homenaxe concedéndolle o “Recoñecemento Especial 2018/19” a toda unha vida dedicada ao deporte e, en especial, á promoción do fútbol veterano. Tras a súa intervención, na que fixo un repaso pola súa traxectoria profesional e recoñeceu o traballo e o esforzo tanto do goberno municipal como das entidades locais na promoción do deporte, a súa dona fíxolle entrega dun trofeo conmemorativo que recibiu visiblemente emocionado.

Ao remate, os e as asistentes tiveron a oportunidade de conversar e intercambiar impresións e lembranzas nunha degustación de petiscos celebrada no primeiro andar do Edificio das Escolas.                                                                                                                                                     

Galardoados/as:

E.D.M. DE BALONCESTO

Categoría Benxamín (campións Liga Premini Regular de Basquet): Sophía Mª Corina, Mario Cousillas, Brais Romar, Bruno Vázquez, Xián Varela, Lucía Pena, Xandre González , Bruno Gómez e Borja Andrade. Adestrador: Basilio Pampín Visos.

E.D.M. DE FUTBOL SALA

Categoría Benxamín A (subcampións de liga): Borja Andrade, Xandre González, Anxo Santos, Pablo Castro, Brais Romar, Mateo Verdes, Mario Cousillas e Bruno Vázquez. Adestrador: José Barca.

Categoría Alevín B (3º clasificado na liga): Diego García, Yeray Ordóñez, Nicolás Rama, Brais Ordóñez, Martín James, José Ramón e Hugo Veiga. Adestrador: José Barca

Categoría Alevín A (campión de liga e campións da provincia da Coruña): Mario Romero, Darío Vázquez, Daniel Castro, Daniel Rodríguez, Iván Castro, Pedro Álvarez, Iker Rojo e Xoel Amado. Adestrador: Jose Barca.

E.D.M. DE JUDO

Carlos Suárez Durán, cinto negro 1º DAN e alumno da escola municipal de Judo desde os 4 anos. Aprobou para cinto negro 1ºDAN o pasado 27 de xullo cunha das mellores notas dos 30 candidatos presentados, converténdose no 12º deportista local que obtén este grao nos últimos vinte anos. Foi examinado nun dos tribunais nos que figuraba, entre outros mestres, Miguel Ramos Medina, primeiro 8°DAN de Judo en Galicia e propulsor da actividade nos seus inicios no Concello de Ponteceso.

Kickboxing Ponteceso 

Na última temporada a escola Kickboxing Ponteceso volveu a acadar importantes logros a nivel autonómico e nacional con máis medallas que se suman a un palmarés de vertixe.

Nerea Amado Baneira, 3ª clasificada no Campionato Galego de  Kicklight.

Martín García García,  campión galego, 3° clasificado no campionato de España de Kicklight e 2º no campionato galego de Light Contact. Adestrador: Gonzalo Suárez.

PONTECESO S.D.

Categoría Alevín. Campións de Liga

CORME C.F

Categoría Xuvenil. Campións da Liga da Costa.

Recoñecemento Especial 2018/2019

Modesto Gervasio Parga Costa: “Recoñecemento á dedicación e promoción do fútbol veterano”. Leva o fútbol na alma (e nos pés) desde que era un neno. Nos últimos 16 anos centrouse no fútbol veterano organizando a 1ª Liga de Fútbol da Costa de Veteranos (temporada 2003/2004) ata o ao pasado, que pasou a mans da Federación Galega de Fútbol.  
 

Comentarios