Positiva xornada para o tenis de mesa soneirán, que prepara o asalto internacional e estatal
Nova xornada dos dous clubs do tenis de mesa da comarca de Soneira.
Na categoría máis alta na que temos representación, a 2ª Nacional, o AD Zas Ponciano Nieto logrou unha nova vitoria na casa fronte o potente Monte Porreiro de Pontevedra. 2 puntos de Miguel Rey, 1 de Roi Sixto e outro de Raul López deron a vitoria por 4-2 para os zaseiros, que se manteñen fóra de descenso con 14 puntos, na 8ª posición empatados cos 5º, nunha liga superigualada na que cada partido ganado é un paso adiante no duro camiño da salvación.
Xa na 1ª Galega houbo dople participación. O VTM Pinturas Figueiras fixo un rosco ao Breogán Oleiros Promesas. Os oleirenses chegaban 3º na táboa, esperansdo un partido igualado como o da primeira volta (2/3 para VTM), pero finalmente foi un partido cómodo e rápido para os de Vimianzo que con este triunfo seguen unha xornada máis como líderes do seu grupo.
No lado contrario, continúa como pechacancelas o AD Zas O Pinar, que cedía en Coruña por 0-5 fronte a CTM Coruña.
Xornada en Zas
A maiores, este pasado domingo celebrouse en Zas unha nova xornada da Liga interna AD Zas onde participaron 52 deportistas. Todo un éxito, ademais.
Torneo Internacional
Ademais, esta semana os rapaces con mais nivel do AD Zas (Anxo Castro en sub 11; Jacobo Olveira en sub 13; Lucas Mouro, Pablo España e Mauro Rey en sub 17; e Enrique Mallón e Raúl López en senior) viaxan a Vila Real (Portugal) a participar no Torneo Internacional Trasmontano onde participan xogadores de Portugal, Arxentina, Colombia, Chile, etc. Toda unha experiencia.
En paralelo, para o finde seguinte, Anxo Castro disputará en Tarragona o Campionato Estatal Benxamín.