Alfonso Gómez, o cormelán que volve alzar a voz galega na alcaldía de Xenebra

Alfonso Gómez Cruz na nova investidura como alcalde de Xenebra

Xenebra volveu a abrir as súas portas á emoción, ao compromiso e á memoria. Alfonso Gómez Cruz, o cormelán de corazón verde e espírito galego, foi investido de novo como alcalde da cidade suíza, nunha cerimonia tan entrañable como histórica. Un acto público, aberto, sincero, cheo de música, raíces e esperanza, que volve colocar a Galicia no corazón de Europa.

Con 64 anos, Gómez, candidato dos Verdes, asume por segunda vez a alcaldía tras ser o segundo máis votado nas eleccións municipais do pasado 13 de abril. Aínda que lle correspondía asumir o cargo o ano próximo, a retirada da actual rexedora adiantoulle un destino que parecía escrito; liderar con humildade e firmeza unha cidade chave como Xenebra. O seu novo mandato estenderase ata o 26 de maio de 2026, á fronte do Departamento de Finanzas, Medio Ambiente e Vivenda, dentro do Consello Executivo que completan Marjorie de Chastonay, Marie Barbey-Chappuis, Christina Kitsos e Joelle Bertossa.

Máis aló do protocolo e os nomes, o que se viviu na sala do Gran Consello de Xenebra foi unha verdadeira festa da alma. Unha choiva inesperada obrigou a modificar o programa, facéndoo máis íntimo, máis próximo. E foi precisamente ese formato máis recolleito o que permitiu que o momento se tornase inesquecible. Por primeira vez na historia, a música entrou na solemnidade desa sala. E fíxoo a través do latexado de Galicia. A Irmandade Galega na Suíza, auténticos embaixadores culturais, irromperon co antigo himno galego, arrincando bágoas de emoción ao novo alcalde. Alfonso Gómez non puido conter a emoción cando as notas que lle viron crecer na distancia asolagaron o recinto que agora preside. Foi un momento de reencontro coa historia, coa identidade, co sangue que corre máis aló das fronteiras.

“Para nós, desde a Irmandade Galega en Suíza, foi un grande privilexio actuar na Sala do Gran Consello de Xenebra, un espazo tan emblemático e cargado de simbolismo institucional. Sentímonos especialmente honrados por seren vos primeiros en levar a música a este recinto, e facelo interpretando ou antigo Himno de Galicia durante a cerimonia de investidura de Alfonso Gómez foi para nós un motivo de profundo orgullo. Debido aos cambios realizados non programa pola choiva, a cerimonia resultou ser moi próxima e entrañable, un acto non que gozamos moito e non que tivemos tamén ou pracer de compartir escenario coas gaitas escocesas de Xenebra, nunha fusión de tradicións que simboliza ou espírito aberto e diverso dá cidade”

Alfonso coa Irmandade Galega en suiza

Ao seu lado, a súa nai, a súa irmá, a súa muller, amigos de toda a vida e unha comunidade multicultural que atopou nel un referente de proximidade e traballo. Porque Gómez é, ante todo, fillo da emigración. No seu discurso lembrouno con forza. Os seus pais chegaron a Suíza fai uns 65 anos como tantos outros galegos, cargados de soños e sacrificios. Hoxe, o seu fillo convértese por segunda vez en alcalde dunha das cidades máis relevantes do continente. Non é só un logro persoal. É unha chiscadela a todos os que deixaron a súa terra para labrar un futuro.

 

“Grazas a Suíza por abrirnos as portas e ofrecernos tanto”, dixo con gratitude. Pero tamén deixou claro que Galicia está nel cada día, que nunca se foi, que leva con orgullo en cada xesto, en cada palabra, en cada decisión e a participación do grupo A Irmandade Galega na Suíza foi un marabilloso exemplo.

A Alfonso Gómez espéralle un ano intenso á fronte de Xenebra, un reto que asumirá, como demostrou sempre, con total entrega porque el non entende a política como unha meta senón como un servizo. Farao desde as súas conviccións verdes, desde o amor á diversidade, desde o respecto á memoria e o compromiso co futuro.

Desde Corme a Xenebra, Alfonso Gómez non só trazou un camiño político. Teceu unha ponte emocional entre Galicia e Suíza, entre pasado e presente, entre a emigración de onte e a esperanza de hoxe. Nel, moitos ven reflectidos. E iso, máis que un cargo, é unha honra e unha responsabilidade.

Que a música siga soando. Que a choiva siga hermanando. Que a Galicia que levamos dentro siga atopando voces como a súa. Parabén, alcalde.

Máis novas