Cee e Ponteceso acolleron as principais citas cidadás do #8M

Foto de Rafa Quintáns da concentración en Cee

Se ben a meirande parte das actividades realizadas neste 8 de marzo foron desenvoltas dende as administracións locais e provinciais, as vilas de Cee e Ponteceso acollían as citas convocadas pola sociedade civil na Costa da Morte. Ademais da cadea de mulleres de Carnota, convocada pola Asociación Sonlilá, a decana Organización Feminista Buserana e o novo colectivo Feminismo en Pé facían un chamamento á participación da veciñanza nas vilas da Xunqueira e de Pondal.

Non fallou á xente á cita obrigada de Buserana. Máis xente que outras veces, nunca suficiente, reuníronse na praza 8 de marzo de Cee arredor dun acto curto pero moi emotivo. Axudou o tempo, e a xente presente, aplaudiu as proclamas do manifesto, lido por varias mulleres de diferentes eidos (comercio, coidados…) xunto coa gañadora do Certame.
Especial atención merece a presencia de Carme Dor, que cantou o Lela a capela estremecendo aos presentes.

Foto: Rafa Quintáns
Foto: Rafa Quintáns

En Ponteceso

Por Bergantiños, as organizadoras do colectivo Feminismo en pé quedaron “moi agradecidas” pola participación, un día coma hoxe, no primeiro acto convocado por un colectivo de recente creación. “Hoxe vimos como numerosas veciñas e veciños se achegaron a berrar e denunciar con nós, deixando claro que esto non era unha festa, que era unha protesta”, sinala Malaika Cousillas. “Mañá continuaremos sumando forzas e loitando para estar máis preto da igualdade real”.

Crónicas do 8M