Venres. 26.04.2024
El tiempo

Vimianzo presenta a ruta 8M, unha viaxe polo pasado das mulleres da vila

Maria Jose Pose-8M Vimianzo
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, María José Pose,
Vimianzo presenta a ruta 8M, unha viaxe polo pasado das mulleres da vila

O Concello de Vimianzo presentou esta mañá do 8 de marzo, o Roteiro 8M, un percorrido urbano e reivindicativo con motivo do Día Internacional da Muller  e cuxo obxectivo prioritario é visibilizar o seu papel na sociedade durante épocas pasadas.

En concreto, esta ruta de seis quilómetros polo Val de Vimianzo ten como fío condutor a vida e experiencias de centos de mulleres do municipio que participan no programa Actívate, unha iniciativa posta en marcha polo goberno local en diversas parroquias.

O Roteiro 8M consta de oito paradas temáticas relacionadas co traballo, coa crianza, a escola e educación, a emigración, a labranza, a romaría, o fogar ou o palillar. As persoas que realicen o percorrido poden somerxerse en cada vivencia a través dos códigos QR instalados nos paneis de cada pausa. A primeira delas será no Pazo de Trasariz, coa educación como protagonista
A presentación contou coa actuación especial da cantante Irma Macías e do grupo de teatro Tete, que interviu na parada establecida no Castelo. Ducias de veciñas e veciños desafiaron a tímida chuvia para estrear unha iniciativa que será perpétua na localidade soneirá.
Por outra banda, continuarán durante os próximos días actividades a favor da igualdade e contra a violencia de xénero nos centros educativos.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, María José Pose, sinalou no seu discurso que “o que presentamos hoxe aquí non é unha simple camiñata a realizar un día calquera; é unha ruta sinalizada con vistas de futuro para coñecer o noso patrimonio e a historia da muller vimiancesa e da muller galega”, comezaba Pose. 
“Non é un percorrido de moitos quilómetros pero si unha viaxe repleta de vivencias de mulleres do pasado, e coa que queremos crear un lugar de reflexión que sirva para que non só a nosa xeración, tamén as vindeiras, se decaten do importantísimo papel que desenvolveu a muller na sociedade e as dificultades polas que sempre pasaron polo simple feito da súa condición”.

A edila quixo agradecer “a todas as mulleres das 14 parroquias que, por medio dos obradoiros de estimulación cognitiva, participaron na creación deste roteiro; tamén a Sergio Trillo, voso mestre e psicólogo; a todos e cada un dos departamentos municipais, Nieves Lema, Víctor Santos, Xiomara Lazo, á Deputación da Coruña, a todo o persoal do departamento de Turismo, Promoción Económica, Servizos Sociais, Protección Civil, Policía Local e demais departamentos pola súa predisposición e colaboración, e tamén aos membros da corporación que nos acompañan hoxe aquí, especialmente á miña compañeira e concelleira de Cultura, Rosa Blanco, que sempre me acompaña nesta loita pola igualdade, así como a alcaldesa, Mónica Rodríguez, que non só fai que todo sexa máis doado e posible, senón que como muller, antepón en todos os ámbitos a as políticas de igualdade neste Concello”. 

Roteiro da Muller en Vimianzo

Precisamente Mónica Rodríguez, rexedora vimiancesa, recollía os agradecementos da súa compañeira e “animaba a todas as persoas que estades hoxe aquí a facer valer esta homenaxe non só o 8 de marzo, senón todos os días do ano”, facendo fincapé no “importante que é loitar, e que sigamos loitando, por unha igualdade real nunha sociedade na que homes e mulleres teñan os mesmos dereitos”. 
“Namentres existan as desigualdades, namentres as diferenzas rachen co noso obxectivo, nós seguiremos aquí, en pé, reclamando e loitando polo que cremos. Porque nos queremos libres. Porque ser muller é un tremendo orgullo e porque sexa 8 de marzo todos os días do ano”.

Crónicas do 8M

Comentarios