O Couto Florece coa Escola de Verán

Mes de agosto e o epicentro cultural da comarca de Bergantiños é unha pequena aldea de 80 casas. Unha aldea que multiplica por 5 a súa poboación cada mañá, coa chegada de máis de 440 crianzas para aproveitar a Escola de Verán da Fundación Eduardo Pondal e a Asociación Casa da Muller, un dos mellores campamentos de verán do planeta.

Arredor de medio centenar de novos monitores e monitoras (este campamento é tamén un auténtico máster para moitas das que serán as mestras das nosas crianzas no futuro e xa no presente) coidan e dinamizan este agosto. Ao seu carón, unha aldea enteira envocarda, co marabilloso voluntariado sénior apoiando cada mañá co tráfico, pero tamén ofrecendo as súas eiras, as súas cociñas…

Ao longo do mes as crianzas desta escolar rural ao aire libre medran apegadas á terra, á horta, á lingua galega, facendo numerosas actividades de xogo e de aprendizaxe.

Apoio da Xunta

Xosé María Varela, unha das grandes almas da FEP, e un dos promotores desta escola de verán que cumpre a súa 44ª edición, recibía esta semana a visita da directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, que quedou alucinada co fervedoiro que se vive no Couto, comprobando o ben investidos que están os 25.000€ cos que executivo galego a través do Plan Corresponsables da Xunta, cofinanciado polo Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade, apoia este campamento en materia de conciliación.

O Couto Florido

Voluntariado Senior do Couto Florido con Enrique Salvador e Xose Maria Varela

Este verán, ademais, o Couto loce mellor que nunca gracias ás melloras do proxecto O Couto Florido, unha iniciativa participativa de colaboración público-privada que terá continuidade en 2026 coa execución de novas actuacións. A aldea das letras recibiu tamén ao director do Instituto de Estudo do Territorio, Enrique de Salvador, para presentar a nova fase do proxecto, e xunto cos maiores da vila, os mesmos do voluntariado sénior da escoliña, avaliaron as futuras intervencións florais, que terán como obxectivo a eliminación ou redución dos impactos paisaxísticos que poden causar sobre a contorna natural determinados defectos estéticos ou o propio desgaste derivado do paso do tempo nos inmobles e en diferentes tipos de espazos e equipamentos públicos.
Ao longo do mes de agosto, o Couto Florido vivirá unha nova expansión.

O Festiletras

A aldea pensa tamén na 44ª edición do Festiletras. Os sábado 22 e domingo 22 de agosto convertirase no epicentro da cultura galega coa chegada de numerosas personalidades. Dende Muchachito Bombo Infierno, Grande Amore, ou Monoulious DOP, a Federico Pérez, Mondra, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, Montedapena, Do Rivés, Pan sen Fron, Mamá Cabra, ou María Canosa, e Concha Blanco.