Resaca nesa aldea do Couto na que as letras nunca descansan. De feito, aínda coas imaxes na cabeza do Festiletras, este martes xa hai festival da máxica Escola de Verán.
Pero a Fundación Eduardo Pondal e a Asociación Monte Branco fai parada e balance dunha fin de semana na que unha aldea de 80 casas convertíase nun dos epicentros culturais máis vivos de Galicia. As mellores propostas da cultura galega volveron pasar polo Couto para esta 43ª edición, nunha perfecta maridaxe entre veciñanza e visitantes.
Porque, ademais da posta en valor da cultura galega, é o pobo do Couto o que dá sentido, e forma, a esta festa, cunha implicación máxica. As xentes colaboran durante todo o mes para engalanar a aldea, convertindo as eiras das casas en escenarios inmellorables.
Ademais, parece que a organización vai acertando co formato ideal, e a proposta de accións de balde polas eiras e concertos de pago nos recintos grandes parece un acerto. A Eira da Fundación encheuse para os concertos de pago, gracias á presenza de nomes de total actualidade como De Ninghures, Caamaño & Ameixeiras, Dulzaro, Zetak, Boyanka Kostova ou Baiuca.
E o ambiente non podía ser mellor no resto de espazos como na Eira de Pailetes, a Eira da Cantexa ou o Espazo Deleite, onde houbo música, charlas, actividades infantís... ou na feira de artesanía.
Mención especial á homenaxe a Kepa Junquera, un eterno amante do Couto.
Máis novas
- 2023: O Festiletras do Couto, “o gran milagro” da cultura galega
- 2022: O Festiletras, a perfecta maridaxe entre tradición e vangarda
- “Estar na Escola de Verán do Couto é sentirte parte dun fío cada vez máis forte; fío de valorar o noso, fío de confraternidade e apoio”.
- Xarda: 30 anos de vida veciñal e cultural no Couto