A historia do pecio da Arnela, á deriva

Tablóns do Pecio da Arnela ciscados por Corme

Levan diante da pequena praia da Arnela, en Corme, dende 8 de decembro de 1793. Foi daquela cando a Fragata Placeres encaiara nos baixos cormeláns. Nos últimos anos, e a progresiva perda da area pola canalización do río que desembocaba no areal, están provocando a desprotección deste singular fito na historia da vila, ademais da propia desaparición do areal.

É precisamente esa perda de area a que provoca que cada ano o pecio estea máis accesible, como comprobamos o ano pasado nunha época de mareas vivas. Pero é que estes días, entre as fortes mareas e a vagha de mar, moitos dos imponentes madeiros que forman este pecio histórico, desprendéronse da area e andan varados sobre a area da praia.

Son varios madeiros dun par de metros, e mesmo un de 5 metros, que forman parte da historia dos naufraxios da Costa da Morte, que están á deriva.

Sería correcto que arqueólogos submariños puidesen recoller estas pezas e incluílas no “Parque Arqueolóxico e da Biodiversidade Submarino” ou ao “Museo Subacuático da Costa da Morte”, pero como non existen, polo menos piden á Xunta que os rescate e os leve para conservar no Museo do Mar de Vigo, algo que parece que dende Patrimonio están dispostos a facer.

En todo caso, dende a Asociación Cultural Insua de Viastela agradecen a boa vontade de Patrimonio para solventar dunha vez por todas os problemas do pecio.

Tablóns do pecio da Arnela ciscados por Corme

Máis novas