Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Tesouros somerxidos na Arnela de Corme

“O teu amigo ten un amigo,
e o amigo do teu amigo ten outro amigo;
por conseguinte,se discreto”.

(Talmud)

1-canons-arnela-corme-pecio
Os canóns do pecio da Arnela vense a simple vistra
Tesouros somerxidos na Arnela de Corme

Ata o de agora en Corme fomos discretos. Estivemos esperando a que os nosos gobernantes, sabedores verbalmente do segredo, actuasen da maneira máis vantaxosa tanto para esta vila mariñeira, en particular, como para o Concello de Ponteceso, en xeral. Pero nos últimos dous anos nada diso aconteceu.

O segredo correu coma se fose pólvora e hoxe xa moita xente allea á vila sabe da presenza de cinco canóns (na imaxe principal) que na baixamar quedan somerxidos en escasos tres metros de profundidade, moi cerca das casas de Corme.

Sobre todo xentes pouco sensibles coa importancia patrimonial destes restos pero moi interesadas co que lles poden reportar vendidas a un chalé ou mesmo para chatarra (como ten acontecido con outro canón atopado anteriormente neste mesmo espazo ou, máis recentemente, coa figura do Atlante de Nerigha).

Esperabamos que o Concello, representando os intereses dos veciños, negociase con Patrimonio e coa Xunta para que a zona onde se atopan os canóns e o pecio da Arnela sexa declarado Parque Arqueolóxico Submarino ou que no caso de sacar os canóns, estes sexan restaurados e expostos no Paseo Marítimo de Corme.

Queriamos que aos nosos canóns non lles acontecese como a outros doutras pequenas vilas e acabasen nun museo de Vigo ou, o que sería peor, amoreados nun almacén onde a ninguén beneficiarían. Pero nada disto aconteceu e a día de hoxe vémonos na obriga de comunicarlle oficialmente aos responsables de Patrimonio a situación exacta dos cinco canóns para que fagan con eles o que teñan a ben. E, sobre todo, eviten o espolio ao que se poden ver sometidos (xa se empeza a ver xente allea mergullándose no sitio) por parte de xentes con poucos escrúpulos.

Sentimos moito que o noso Patrimonio esmoreza día a día pola pouca sensibilidade que os responsables de protexelo e divulgalo amosan nos seus actos, ou máis ben, na ausencia deles.

A creación de un “Parque Arqueolóxico e da Biodiversidade Submarino” en Corme suporía unha grande oportunidade para o turismo nesta pequena vila que non deixa de perder poboación día a día. Non necesitaría de un gran orzamento para o mantemento nin para a construción de un edificio con todo o gasto que ese tipo de museos leva aparellado. Basta cuns paneis informativos e pouco máis.

Esperamos que as autoridades barallen esta posibilidade e que o noso patrimonio arqueolóxico submarino sirva para darlle un pouco máis de vida a esta vila, que é a alma da Costa da Morte. Desde a Asociación Cultural Insua de Viastela ofrecémonos a colaborar en todo o necesario para que este proxecto vaia avante.

Pecio Arnela 2016
Imaxes do pecio de Arnela en 2016

2b pecio arnela corme 2

Por outra banda, asistimos con preocupación ao deterioro que día a día afecta ao pecio da Arnela sen que ninguén tome medidas para evitar a súa destrución. Ao canalizarse o río da Arnela e cerrarse o ciclo da auga na praia, a area que antes baixaba coas riadas de inverno e aguantaban os restos tapados e protexidos dos embates do mar, deixou de facelo e cada ano o pecio queda máis descuberto e sen protección nas vagas de mar polo que, en breve, asistiremos á súa desaparición se alguén non lle busca un rápido remedio.

2a pecio arnela-corme
Outras estampas do pecio que se ven con marea baixa
3-4 Arnela antes e agora
Arnela antes e agora

No ano 1995 elaborárase un moi bo informe sobre este pecio (descargar informe en pdf) no que se advirte das dificultades que levaría a súa análise por atoparse nun sitio intermareal dificultoso tanto para mergulladores como para arqueólogos terrestres polo que co tempo acabaría desaparecendo.
Sinalan no informe que pouco se pode facer polo pecio, a non ser que aparecesen novos datos que sumaran importancia aos restos.

6-Informe sobre o pecio de Arnela (Corme)
Detalle do informe sobre o pecio de Arnela

E eses datos témolos. O primeiro é un artigo de prensa que se publica no diario La Integridad o 18 de Maio de 1921 no que os máis maiores din “non recordar ningún naufraxio nese sitio e que pola cravazón de cobre ben pode ser unha antiquísima fragata de guerra ou un galeón das Indias”(8). Este artigo pasou desapercibido para os que elaboraron o informe.

Artigo de prensa Pecio Arnela
Artigo de prensa de 1921

Pensamos que os cinco canóns, dos que tampouco se fala no informe, están directamente relacionados con este naufraxio e só un exame exhaustivo de todo pode aclararnos un pouco máis o que ata agora descoñecemos.

Nós, unha vez máis, ofrecémonos para achegar ideas e solucións (hainas) que axuden á conservación e posta en valor deste ben patrimonial tan ignorado e esquecido e que agora mesmo a tantos perigos está exposto.

  • Suso Lista, como presidente da Asociación Cultural Insua de Viastela.

OUTROS ARTIGOS DE SUSO LISTA

NOVAS RELACIONADAS

Comentarios