Insua de Viastela rescata o pecio da Arnela a través dun ciclo de charlas coa entidade vasca Albaola
- Coincidindo coas mareas vivas máis grandes do ano, realizarase unha visita aberta ao pecio sito na praia urbana cormelá.
Menuda sorpresa levan vivindo esta semana na Asociación Insua de Viastela ante a inestimable e valiosa colaboración de Albaola, entidade vasca recoñecida internacionalmente e especializada en salvagarda e construción de embarcacións históricas. I é que tanto por Corme como por Pasaia (País Vasco), sospeitan que o pecio pertence á Fragata Placeres, que saía do peirao vasco e que puido afundirse en Corme o 8 de decembro de 1793.
Resulta que este verán xentes de Viastela contactaron, gracias á veciños de Pasaia que veranean en Corme, co seu presidente e fundador, Xabier Agote, e tras unha invitación, membros das asociacións cormelá e vasca acordaron unir forzas para rescatar o valor do pecio da Arnela.
Así, este vindeiro xoves 19 de setembro ás 19.00h o Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte (Rua Real 14, Corme) acollerá unha conferencia única e de gran importancia para poder identificar e preservar os restos do pecio da Arnela.
Contarán coa participación de Xabier Agote, presidente e fundador de ALBAOLA, entidade recoñecida internacionalmente e especializada en salvagarda e construción de embarcacións históricas. No seu estaleiro-museo Albaola Itsas Kultur Faktoria, situado en Pasaia (Gipuzkoa) entre outros proxectos están actualmente a construir a réplica histórica dun baleeiro do século XVI, o San Juan, a partir da investigación científica realizada ao pecio atopado polo equipo de arqueoloxía subacuática de Parcs Canada en Rede Bay, Canadá. Este proxecto de construción conta co patrocinio da UNESCO. O estaleiro-museo Albaola Itsas Kultur Faktoria está actualmente nomeado ao premio de mellor museo popular por National Geographic.
Xabier Agote dará unha conferencia titulada “A nave baleeira San Juan: construción a partir da arqueoloxía subacuática”.
A charla contará tamén coa presenza de Xabier Alberdi, director científico de Albaola e director do Museo Marítimo Vasco, que falará sobre “A fragata Placeres no contexto da Real Compañía de Filipinas”.
O espazo divulgativo acollerá tamén unha última charla sobre “A importancia do patrimonio subacuático en Corme”, da man de David Fernández Abella, director do proxecto Pecio da Arnela.
Mareas vivas
Coincidindo coas mareas vivas máis grandes do ano, os relatores achegaranse á Arnela durante a mañá do 19 de setembro (ás 11.30h), para poder identificar e estudar o pecio nas mellores condicións que se poderá ver durante este ano 2024. Verase a primeira ollada en seco. Esta é unha das razóns polas que visitarán o pobo nesta xornada, coa intención de colaborar na identificación e analizar as posibles actuacións para a súa conservación.
Na actividade colabora: Albaola, A.C. Naufraxios Galegos e o Concello de Ponteceso.
Máis información