A imaxe dos incendios de Corme: Como as autóctonas resisten o lume

Imaxe que reflicte como as especies autóctonas resistiron o lume na zona do Osmo

Aínda hoxe, luns 11 de agosto, a Xunta daba por extinguidos os incendios de Ponteceso-Corme Aldea (76,11 ha afectadas) e Ponteceso-Brantuas (198,17 hectáreas afectadas). Aínda onte, a parroquia da Graña tivo que sufrir outra ameaza en forma de conato provocado, controlado con rapidez polos medios de extinción.

Máis dunha semana despois do comezo dos lumes no termo municipal de Ponteceso (que non quede no esquecemento que o primeiro dos lumes foi por unha grave neglixencia de Naturgy) cómpre facer unha reflexión sobre “que país queremos”.

Así se pregunta en algo Xosé María Varela, alma da Fundación Eduardo Pondal e da Asociación Monte Branco, que viviu como a agra da entidade tiña que cambiar durante varios días os nenos e nenas da Escoliña de Verán polos bombeiros. “Temos un problema de país, e hai que facer algo. A política ten que facer algo, tanto a nivel local como nacional. “Claro que hai que buscar ao incendiario de turno, pero sempre houbo tolos, e o que hai que facer é poñer as bases para que non poida volver a ocorrer”.

Deixa claro que “polo menos hai que cumprir a lei”, rasurando as fincas, e espera que a busca do culpable de boa parte dos lumes non oculte aos que provocaron tamén un incendio coa súa neglixencia.

Outro veciño reseñable que estes días fai unha importante reflexión é Suso Lista. O cormelán fai fincapé na reforestación con especies autóctonas. El xa leva anos, a través da comprometida Asociación Insua de Viastela, indo a recoller landras de carballo ou castañas a bosques do país, e os vai plantando polos “colitrais” (eucaliptais) cormeláns. Axudado da súa “arma de plantación masiva”, o tiracroios, asegura que leva plantados máis de 5.000 sementes de especies autóctonas.

Paisaxe con autóctonas e con eucaliptos despois do lume no Osmo

Paseando días despois dos lumes, comprobou a importancia da rexeneración dos nosos montes, con imaxes tan impactantes coma estas, que demostran como as especies autóctonas frearon, literamente, o lume. Estampas completamente distintas que as que deixou o lume en zonas de arborado con eucaliptos ou piñeiros.

O Monte Branco negro-Foto-Sito

Máis novas