Máxima tensión en Ponteceso por mor de 3 incendios forestais que xa superan as 440 hectáreas

  • [Última hora, 21:00]: Continúan activos os incendios de #IFGrañaPonteceso (supera xa as 100 hectáreas) e o #IFBrantuasPonteceso, (140 hectáreas). O incendio de Cospindo, activado o sábado ás 19:30, está estabilizado afectando a máis de 200 hectáreas. O foco de Cores tamén foi estabilizado.
  • [Última hora, 13:00h]: Seguen activos os 3 incendios, rexistrándose un cuarto foco en Cores. O inicial do Couto e Balarés, na parroquia de Cospindo, supera as 200 hectáreas afectadas; o que afecta á parroquia de Brantuas, xa pasa das 100 hectáreas e o da Graña está polas 50 ha.
  • Última hora [12:30]: cortada de novo ao estrada de Corme a Ponteceso.

Tarde, e noite de máxima tensión na zona de Ponteceso. O que comezaba na tarde do sábado, sendo un incendio por unha explosión dun cable de alta tensión, a primeira hora da mañá do domingo xa se convertiu en 3 lumes diferentes nas parroquias de Cospindo, Brantuas e A Graña. 

Relatamos o proceso:

Mapa do terreo afectado

O comezo do incendio, no Couto

Arredor das 16:00h unha explosión nunha liña de alta tensión provoca un apagón na zona, e xusto no momento un incendio forestal. O primeiro foco rexistrábase enriba da rotonda do Couto cara Balarés e Corme, e dende aí foi tirando cara o sur azuzado por un tremendo vento do nordés con refachos de preto de 75km como os rexistrados na estación de Camariñas, un dos máximos da xornada en toda Galicia.

Primeiros momentos do incendio dende a recta do Couto
O incendio dende a praia de Balarés

De contado, xa antes das 18:00h, por mor do fume e da posible propagación do lume, os efectivos de emerxencias desaloxaban varias vivendas en Balarés, e a todas as persoas que estaban no areal, usando unha pista dirección Corme. Coches que tiñan que saír despois pola estrada de Brantuas, sen poder atravesar a estrada que une Corme e Ponteceso.

Os bañistas tiveron que desaloxar a praia por unha pista cara Corme

O 112 mobilizaba para a súa extinción unha boa marea de efectivos: 1 técnico, 8 axentes, 11 brigadas, 7 motobombas, 3 pas, 3 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 1 avión.. Pero co vento non daba feito, e ás 20:00h a Consellería de Medio Rural informaba de que o incendio seguía activo e xa se superaban as 55 hectáreas. 
O fume e o cheiro pasaba de Muxía cara o sur.

A Garda Civil vendo os efectivos antiincendios dende o mesmo lugar do Couto

Varios focos

Os dous focos do incendio visto de Anllóns

A cousa non quedaba. Se ben o primeiro pareceu fortuito, pola tarde xurdía estranamente un novo foco na agra do Couto, pero foi controlado, e pasadas as 21:00h sumábase un segundo foco na zona de Brantuas, poñendo en perigo vivendas da zona de Faro ou Niñóns, pola forza do vento.

Incendio na Agra do Couto

Os efectivos seguiron traballando pola noite, mentres por toda esa zona do norte de Ponteceso estaba pendentes do que pasaba. Mesmo o Concello de Ponteceso puxo a disposición o pavillón de Corme para as persoas desaloxadas ou os visitantes que durmían en autocaravanas.

A Escoliña de verán do Couto da Fundación Eduardo Pondal foi suspendida.

Así traballan os medios

3 incendios

A cousa complicouse moito pola noite, por mor do vento, Medio Rural vén de facer repaso ás 8:30h. O lume inicial da parroquia de Cospindo segue activo e xa leva 155 hectáreas arrasadas. 

Medio Rural xa explica que o lume orixinado ás 20:30h pola zona de Brantuas, segue activo e xa suma 50 hectáreas arrasadas.

Á media hora rexistrouse un novo foco, na parroquia da Graña, e xa son máis de 20 hectáreas arrasadas.

Seguiremos actualizando. Polo de pronto agradecemos a todas as persoas que nos enviastes fotos e vídeos, para que poidamos ir contando a situación.

Casas ameazadas
A estrada de Niñóns
Imaxe dos primeiros momentos do incendio do Couto