As redeiras tamén tecen vínculos interexeracionais

Novas voluntarias e maiores tecendo redes nas Casas do Maior de Ponteceso

Marabilloso o proxecto que se está a desenvolver estas semanas nas Casas do Maior da Costa da Morte. Impulsado pola Asociación Escola de Tempo Libre Colaxe, entidade curmá da premiada Rede de Cooperativas que están facendo da nosa comarca un erferente en materia de instalación destas infraestruturas de dependencia, o proxecto de voluntariado “Os Vellos Oficios: recuperando memoria e saberes da Costa da Morte” está revolucionar a vida dos nosos maiores.

As xornadas reúnen parellas interxeracionais de voluntarias —mulleres maiores con experiencia nos oficios do mar e mozas participantes—, xunto coas persoas usuarias das Casas do Maior de Ponteceso (O Couto, O Couto 2 e A Campara), que tamén formaron parte das actividades desenvolvidas nas últimas semanas. Dúas xeracións unidas polos oficios do mar.

Esta semana, acompañadas pola incombustible Rosa Rodríguez (a redeira de Corme é unha desas mulleres transformadoras, unha desas persoas que abren camiño, que rompen barreiras) están aprendendo a tecer as redes de pesca e a usalas redes para crear artesanía mariñeira.

Rosa Rodríguez aprendéndolle a tecer redes de pesca a unha das vaoluntarias máis novas

O proxecto baséase precisamente neste traballo en parellas, onde a experiencia das mulleres maiores se transmite de maneira directa ás novas xeracións, creando un espazo de aprendizaxe compartida, convivencia e posta en valor da memoria mariñeira.

Exposición itinerante

Ademais, no marco das actividades desenvolvidas, o grupo tamén visitou a exposición itinerante instalada na Biblioteca Municipal de Laxe, impulsada pola Deputación da Coruña, centrada no futuro do rural e do mar. A mostra, composta por paneis divulgativos, permitiu reflexionar sobre a importancia da innovación, a sostibilidade e a necesidade de relevo xeracional nos sectores tradicionais, aspectos moi ligados ao propio espírito do proxecto.

Nun contexto no que moitos destes saberes están en risco de desaparición pola falta de relevo xeracional, iniciativas como esta buscan recuperar a memoria do mar desde dentro, poñendo en valor o papel das mulleres e abrindo novas vías para que  estes oficios sigan tendo presenza no territorio .

Este proxecto está subvencionado pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Máis novas