Mércores. 23.10.2024
El tiempo

A Festa do Percebe colle sona internacional

Presentacion Festa do Percebe Corme 2024
A Festa do Percebe colle sona internacional

Presentaron esta pasada tarde de martes, membros do Concello e representantes da Comisión de Festas, da Asociación pola promoción do Percebe do Roncudo e da Agrupación de Percebeiros, a XXXII edición da Festa do Percebe do Roncudo. Unha cita que atrae ao municipio a milleiros de visitantes de diferentes partes de Galicia, e que esta edición busca volver ás súas orixes, sendo os propios percebeiros os encargados de coller a materia prima, cociñala e servila, e tratando de escapar da dictadura do botellón.

Os percebeiros destacaron que “este ano veñen organizadores dunha festa do percebe de Portugal, o que significa que a sona da nosa festa xa é de carácter internacional e dá boa mostra do bo facer da organización”.

Pola súa parte, o alcalde, José Manuel Mato, quixo facer un chamamento “ao civismo e ao respecto medioambiental, para que a festa se celebre mantendo os espazos limpos e sen perxuízos para os veciños e veciñas”. Engadiu que “realizamos un gran investimento en materia de contedores, baños públicos e outros servizos para que a realización do evento teña o menor impacto ambiental posible”. Iso si, valorou que "a Festa do Percebe é o principal evento turístico do noso municipio, polo que temos que preservalo e coidalo, para que cada ano sigan vindo e desfrutando tantas e tantas persoas”.
Pola súa banda, o tenente de Alcalde, Juan Ramón Vidal, agradeceu “aos corpos de seguridade que van estar presente o seu labor durante a festa, que farán todo o posible porque a festa se leve a cabo do xeito máis seguro posible”.


Programa da festa

A programación da xornada ábrese ás 12:00 horas coa misa na igrexa na honra dos mariñeiros e percebeiros, cantada pola “ Coral Brisas do Mar” de Corme. Á mesma hora dará comezo a cocción do percebe e venda de tickets. Ás 12:30 horas realizarase un pasarrúas  a cargo de “Os Peta forte “ de Cee.

A partir das 13:00 horas terá lugar a inauguración da XXXII Festa do Percebe do Roncudo, co pregón. Ao remate do pregón, realizarase o acto de conmemoración aos percebeiros falecidos na estatua do percebeiro do porto, onde se depositará unha coroa ao mesmo tempo que soará o grupo de gaitas “ Os Peta forte”.

En torno ás ⁠13:30 horas empezará o reparto do percebe na carpa do porto. Mentres se leva a cabo a degustación do percebe, actuará a agrupación “ O Tren da Unha”, de Laxe.

⁠Na zona do porto haberá gardería con inchables, ‘pintacaras’, e monitores e monitoras para as crianzas. 

A partir das 15:00 horas comezarán as actuacións na zona da ribeira con sesión verú a ritmo de salsa, merengue e bachata típicas da verbena galega.

Ás 17:00 horas será a quenda para o tributo á Discoteca Miramar, recordando a época dourada dos 80, da man de Dj Julio e Dj Beni. A continuación, ás 19:00 horas, Dj Frisco e Marcos Peón chegan coa sesión “ Yo lataba a EGB”, que percorrerá a mellor música dos últimos 40 anos.

A partir das 22:00 horas chega LKMZ: un mini concerto de música reguetón e hip hop, ao que seguirá, ás 22:30 horas, a hora dos dj´s. Dj Drew comezará ás 22:30 horas, Dj Warce pinchará a partir das 23 horas; ás 24:00 horas agardamos a Dj Beni, ás 01:00 horas contiuará DJ Maik; ás 02:00 horas subirase ao escenario Dj Araysen; ás 03:00 horas Dj Roy, polo que poderá gozarse de música ata as 06:00 horas.

Servizo de transporte

Nesta edición número 32, haberá autobuses oficiais da Festa do percebe desde chegados desde distintos puntos de toda Galicia.

O Concello dispón, ademais, un servizo de autobús desde os aparcamentos habilitados no Cairo ata o lugar da festa desde as 11 da mañá ata as 23 horas

Máis novas

Comentarios