A Xunta impulsa por fin unha campaña subacuática para documentar o pecio da Arnela

Imaxe do Pecio da Arnela

Levan anos a xente de Corme, nomeadamente Suso Lista, a AC. Insua de Viastela e outras entidades da vila, pelexando por implicar a Xunta na investigación sobre o pecio da Arnela. Un pecio singular, porque se ben pode provir da viaxe da Fragata Praceres no 1793, ademais está localizado en plena praia urbana, moi preto da area, e visible cando hai mareas vivas.

E por fin poden pegarse unha alegría toda a comunidade cultural cormelá, porque a Xunta de Galicia porá en marcha unha campaña subacuática para investigar os restos. A intervención arqueolóxica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa Policía Nacional Adscrita a Galicia, busca documentar os elementos localizados na praia da Arnela.

Este mesmo mércores, ás 8:00h, comezará o levantamento mediante fotogrametría 3D da área de actuación. Deste xeito, os técnicos tratarán de realizar o debuxo arqueolóxico das estruturas, ao tempo que se toman mostras da madeira do pecio e se fan videos e fotografías aéreas do sitio. 

O Goberno galego aproveita a situación idónea destes días nos que as mareas retiraron a area que cubría este elemento, para actuar sobre el coa intención de fixar a que época pertence, coa colaboración da Asociación Cultural Ínsua da Viastela. Neste senso, cómpre destacar que se trata dunha área na que tamén hai constancia da existencias de varios canóns de ferro.

Tamén en Corcubión

Por outro lado, o proxecto contempla tamén unha intervención similar nun pecio localizado no porto de Corcubión, que se desenvolverá cando a zona o permita, xa que, neste caso, debido ao sedimento de area acumulado non é posible a documentación do mesmo.

As comunidades locais esperan que os tesouros rescatados sirvan para encher o demandado museo subacuático da Costa da Morte, ou cando menos, que fiquen no seu sitio, e que sexan aproveitados con sinalización.

Máis novas sobre o Pecio da Arnela