Intentan reactivar a parcelaria de Freixeiro, atrancada dende os anos 70
Intentouno o goberno de María Pose en 2022, e volveu intentalo en 2023. Pero a concentración parcelaria da parroquia de Freixeiro parece unha utopía. Paralizada dende os anos 70 do século pasado, a día de hoxe é unha necesidade fundamental para, cando menos, 87 explotacións gandeiras. Unha auténtica necesidade económica para o concello xalleiro.
De aí o novo intento do goberno socialista de Alberto Romar. O Concello de Santa Comba quere facilitar na medida do posible e axilizar todos os trámites e para iso convocan para o vindeiro 20 de novembro a primeira
xuntanza dos propietarios involucrados na reestruturación parcelaria da parroquia de San Fins de Freixeiro.
A esta reunión, que se celebrará no Auditorio do Edificio Multiusos xalleiro ás 20:30h horas, están convocados os máis de 700 propietarios das terras afectadas pola concentración que, segundo datos da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, comprenden máis de 1.600 hectáreas e 10.250 parcelas actuais.
O principal asunto a tratar será a elección dos representantes da xunta local de zona e do grupo auxiliar de traballo entre os titulares de terras na parroquia. Os veciños escollidos traballarán en contacto estreito coa Conselleria e a empresa designada para a execución da concentración.
O Servizo de Infraestruturas Agrarias da Coruña tamén informou de que porá a disposición dos administrados unha canle oficial de Whatsapp para poder seguir os avisos informativos sobre este proceso de reestruturación parcelaria, uns avisos que tamén serán accesibles por medio da páxina web da Consellería de Medio Rural.