Piden axudas ao sector gandeiro pola desfeita que a borrasca exKirk provocou nas plantacións de millo de Mazaricos e comarca
O paso da borrasca e exfuracán Kirk deixou moitas incidencias por mor dos refachos de ata 150km/h. Pero unha das consecuencias máis graves do seu paso sófrena as explotaciñons gandeiras.
Porque ex Kirk bateu e esfolou con ducias de campos enteiros de millo, un produto fundamental para a forraxe, e que pode supoñer perdas de milleiros de euros para as granxas de Mazaricos e na comarca (Santa Comba, Dumbría…). Máis da metade do millo sementado en Mazaricos está perdido, entre o que quedou tumbado ou roto polo aire, e o directamente inservible pola acumulación de auga.
De aí a visita onte dunha comitiva do BNG nacional, conformada polo deputado encargado da área do Medio Rural, Secundino Fernández, a deputada Rosana Pérez. Exerceu como anfitrión o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, para amosar os graves danos causados polo temporal Kirk ao sector agrario e escoitar de primeira man ás gandeiras e aos gandeiros que teñen afectada gran parte da colleita de millo. “Estas perdas fan perigar a viabilidade das explotacións das gandeiras e gandeiros neste concello, xa que o millo é o principal forraxe do gando leiteiro de Mazaricos” salientou Secundino Fernández.
O deputado nacionalista anunciou que na vindeira sesión plenaria, que se celebrará a semana que vén, “interpelaremos á conselleira do Medio Rural para demandar as axudas necesarias neste momento crucial e grave para a gandaría”. O BNG exixe que a Xunta de Galiza ten que actuar con urxencia do impacto da catástrofe agraria. “Non pode deixar só aos gandeiros e as gandeiras” salientou Fernández.
Declaracións do alcalde Xoán Blanco
O alcalde de Mazaricos necesita amosar a gravidade da situación, e comezou por resaltar a importancia do sector lácteo en Mazaricos e Galicia: “A comarca do Xallas e Mazaricos en particular, somos o primeiro produtor de Galicia. Só en Mazaricos, producimos o ano pasado máis de 140 millóns de quilos de leite. Estamos falando dun sector que é fundamental non só para a nosa economía local, senón para o mantemento do rural galego e do tecido produtivo de todo o país”.
Lembra que “en Mazaricos cultivamos máis de 3.000 hectáreas de millo forraxeiro, o principal alimento das nosas vacas. De feito, somos o concello con máis superficie adicada a este cultivo en todo o Estado Español”.
Por iso entende que a grave situación “non só afecta á colleita de millo deste ano, senón tamén á produción de herba na primavera, xa que moitas fincas aínda están anegadas, o que fai imposible sementalas. Estamos a falar de perdas económicas moi importantes para os nosos gandeiros. A sementeira costa entre 1.500 e 2.000 euros por hectárea, e o millo que non se pode recoller supón unha perda mínima de 3.000 euros por hectárea. Impacto na produción de leite e nos prezos”.
Así, “a catástrofe vai repercutir directamente na produción de leite nos vindeiros meses. As nosas vacas precisan consumir uns 35 quilos de silo de millo ao día. Sen este alimento, os gandeiros van ter que mercar forraxe, nun momento no que os prezos do leite están á baixa e o custo de comprar alimentación está a subir”. Se non se toman medidas, esta situación pode pór en serio risco a viabilidade de moitas explotacións”, polo que aseguran que dende o BNG esixirán axudas urxentes ao Goberno Galego. “É necesario que se habilite unha liña de axudas específica para compensar as perdas no millo forraxeiro e para garantir que o sector lácteo galego poida seguir sendo competitivo. Tamén pedimos medidas para simplificar o acceso a estas axudas, xa que o tempo é clave nesta situación”.
Fixo ademais un “chamamento á solidariedade de toda a sociedade galega. O que está en xogo non é só o futuro dun sector, senón o mantemento do noso rural, dunha forma de vida”.