25N: Vimianzo 'Abre os ollos' da sociedade dende o ensino e o comercio
Repasamos as citas municipais que os nosos concellos artellaron arredor do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
E achegámonos ata Vimianzo, onde o Concello implicou dous colectivos fundamentais na loita: o comercio local e o tecido educativo. Así, o alumnado de Vimianzo saíu á rúa nunha xornada na que fixeron entrega aos establecementos adheridos á campaña municipal deste 25N dunhas caixas que no seu interior conteñen unha mensaxe que eles mesmos escribiron e unha pulseira. O obxectivo é repartir as caixas entre a clientela para que, así, as mensaxes cheguen á cidadanía.
Desta maneira preténdese xerar conciencia sobre a necesidade de non permanecer inmóbiles ante a violencia machista e reivindicar que esta pode manifestarse de moitas maneiras.
Baixo o lema 'Abre os ollos', a acción busca visibilizar esta problemática e reivindicar a importancia da educación e a implicación colectiva.