martes. 25.11.2025
El tiempo

25N: Malpica lanza un manifesto que chama a transformar o silencio en compromiso

 

25N en Malpica
25N: Malpica lanza un manifesto que chama a transformar o silencio en compromiso

Repasamos as citas municipais que os nosos concellos artellaron arredor do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. 

Neste caso, facemos parada en Malpica de Bergantiños, onde o Concello conmemorou o 25N cun acto público na Praza Villar Amigo, no que se gardou un minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia machista e se deu lectura ao manifesto institucional deste 25 de novembro.
O evento contou coa presenza de veciñanza, corporación municipal e asociacións. Tras o minuto de silencio, a concelleira de Servizos Sociais, Marisol Blanco Gorín, foi a encargada de ler o manifesto, unha intervención que convidou á reflexión colectiva e á acción social baixo o lema “Lembrámolas con luz, non co silencio”.

O texto institucional lembrou ás mulleres asasinadas polo feito de ser mulleres —38 vítimas no que vai de ano en España— e puxo o foco na responsabilidade compartida diante desta forma de violencia, que cualificou como “a manifestación máis brutal da desigualdade e unha grave vulneración dos dereitos humanos”. 

O Concello reafirmou o seu compromiso coa prevención, a educación en igualdade e a sensibilización, destacando que “a igualdade comeza na palabra, pero debe vivirse nos feitos cotiáns”. Ao mesmo tempo, convidouse á cidadanía a implicarse activamente, a acompañar, a tender a man e a crer na palabra das vítimas porque, tal e como se expresou no manifesto, “o silencio é cómplice”.

O acto pechouse cunhas palabras de unidade e esperanza, acompañadas dun forte aplauso colectivo. “Nin unha menos. Nin unha máis. Non máis violencia. Non máis silencio. Non máis medo”, proclamouse para finalizar, nun chamamento a construír unha sociedade libre de violencia machista desde o respecto, a igualdade e a luz da memoria compartida.
 

Comentarios