A Muiñada de Vimianzo, referente dos festivais transformadores no Culturgal

Imaxe da Muiñada tomando Vimianzo neste pasado outubro de 2025

A Muiñada de Vimianzo, organizada pola AC Cherinkas e o concello de Vimianzo, celebrou a súa décima edición este pasado mes de outubro consolidándose como un referente en Galicia no mundo da música tradicional. E así se demostra este Culturgal, unha vez que a festa foi invitada a participar nunha singular mesa de reflexión. 

Será Manolo Rial o que acoda este venres 28 de novembro a Pontevedra para levar compartir a súa experiencia e visión sobre este xeito diferente de entender os festivais, e deixar claro que a Muiñada vai moito máis alá da música e serve para fortalecer a nosa identidade. 

A Muiñada de Vimianzo foi seleccionada como unha das catro iniciativas clave —unha por cada provincia galega— para integrar a conversa 'Festivais como espazos de transformación'. Este encontro pon o foco nas novas xeracións que están a reinventar a maneira de facer festivais: proxectos autoxestionados, creados desde as marxes do mercado e que apostan firmemente pola diversidade, a identidade e a participación veciñal.

Rial compartirá mesa con Marta Álvarez, da Foliada da Fonsagrada (Lugo), Xacobo García, do Ponte Farruca de Laza (Ourense) e Susi Álvarez, da Ruada das Gotas de Ribadumia (Pontevedra), nun encontro conducido por Eva Fernández Prieto, de Rebelico Revista.

 

Construíndo comunidade

A xornada busca visibilizar esas iniciativas que, lonxe dos macrofestivais comerciais, céntranse no coidado da música e das persoas, demostrando que outra forma de xestionar a cultura é posible e necesaria.

A Muiñada de Vimianzo é un proxecto que se realiza cada outono no Val de Vimianzo, articulado arredor dos históricos muíños das parroquias de Vimianzo e Cambeda, e que combina a recuperación do patrimonio histórico e inmaterial coa dinamización social, o teatro, a música e o baile. O evento ofrece unha ampla variedade de actividades para todos os públicos, desde rutas teatralizadas e visitas guiadas aos muíños, até xogos populares, obradoiros de artesanía e baile, concertos de música tradicional e foliada. A súa singularidade reside en realizarse a pé de varios muíños do Val, revivindo a idea das “muiñadas”, reunións que se facían mentres se esperaba a quenda da moenda.