A Muiñada de Vimianzo, unha festa autenticamente interxeracional
Impresionante o que fai o tecido asociativo de Vimianzo. As asociacións AX Cherinkas e Axvalso manteñen o pulso cultural na comarca de Soneira durante todo o ano, con eventos tan salientables e coherentes como o Asalto ao Castelo (polo verán e xa camiño dos 25 anos e da declaración de Festa de Interese Turístico), o Festival Negra Sombra (por primavera), ou a Muiñada (en outono), que este ano celebrou a súa quinta edición como un evento de posta en valor do patrimonio rural absolutamente consolidado, servindo para recuperar aquelas festas que se facía ao remate da colleita arredo do Muíño.
Arredor do vivo Muíño Tras da Agra, rehabilitado estes pasados anos, centos de persoas (moitas mulleres do rural que viñan do encontro de Fademur) pasaron a tarde nas dúas carpas que, en si mesmas, dan conta da potencia da Muiñada. Unha cita que invitaba a disfrazarse de comezos do século pasado, unha práctica que pouco a pouco vai calando na veciñanza.
Unha mostra de artesanía en vivo coas cesteiras, as palilleiras ou as Amigas do Liño daban a benvida. Cos “Moscosos”, a moeda da feira, podes comprar as primeiras filloas e rosquillas da tarde.
Pronto comezaron os Obradoiros para cativos, co actor Vicente Mohedano (na foto) facendo unha sesión científica da auga que deixou pampons ás criaturas.
Míchel Antelo e Juan Gimel presentaron, de xeito maxistral, os concursos-espectáculos de debullar o millo (nun minuto as gañadoras foron capaces de debullar ata 4 mazorcas) e dos Castelos de Cañotos. Dúas xornadas de convicencia interxeracional impagable, onde as maiores ensinaron aos pequenos os mellores trucos para debullar coma o vento e como facer as torres de cañotos máis altas.
Houbo tempo para falar de Salvacadelos, e concienciar sobre a importancia do abandono dos animais.
Paralelamente o muíño non deixaba de moer, e albergaba demostracións e contiños para que a cativada vese como eran aqueles tempos de fariña.
Despois de xantar a cea tradicional, Xisco Feijoo abría a noite na carpa musiqueira, cunha foliada á que se animaron a bailar numerosas parellas de mozos e mozas. Pan se Fron, Os da Porfía e Astarot completaron un auténtico festival de música folk, que xa está absolutamente consolidado.