Venres. 19.04.2024
El tiempo

A Muiñada de Vimianzo, unha festa etnográfica pouco convencional

A Muiñada de Vimianzo, unha festa etnográfica pouco convencional
Programa_Muinhada_Vimianzo_2017

Ao redor dun muíño sempre se viviron moitas historias, conflitos, amores, alegrías e tristezas. As reunións á tardiña mentres se esperaba a que se acabase de moer eran a excusa perfecta para socializar, rir, bailar e namorar. O espírito destas xuntanzas recóllese na III Muiñada de Vimianzo, que se celebra este sábado na contorna do Muíño da Agra, monumento anterior ao século XVIII situado dentro da propia vila.

Entre as diversas actividades que compoñen a festa destacan novidades como a celebración dun mercado retro e de produtos ecolóxicos, ao xeito dunha feira das de antes. A festa amplíase comezando xa ao mediodía e saíndo do Muíño da Agra, trasladándose ás rúas e diferentes establecementos da vila, con Cantos de Taberna, microteatro e Obradoiros de Muiñeira en lugares nada convencionais.

Xa ás 16h a festa vívese baixo as carpas do Muíño da Agra, con sesión café de pota con chulas a cargo dos Campantes da Baña, que dará paso á apertura do Mercado Retro, a feira ecolóxica e unha pequena exposición de imaxes antigas do Val de Vimianzo. Como curiosidade haberá un fotógrafo de época tirando imaxes tamén dos asistentes.

Chega o teatro, coa compañía Trinke Trinke ás 16h45 e co alumnado do IES Terra de Soneira ás 17h30. Estes últimos realizarán unha pasarela de vellos oficios, que dará paso á visita teatralizada ao Muíño da Agra, que se irá facendo en varios pases. Seguidamente comezan os xogos populares, como o gran concurso de debullado de millo, obradoiros de muiñeira, de cantaría e de filloas.

Precisamente isto abrirá o apetito para a Cea tradicional, con broa, empanada de millo, costela, filloas, caldo de rabizas con chourizo, e as esperadas papas de millo, que poucas veces se poden degustar. Para adquirir a bebida ou a cea haberá que pasar polo servizo de banca da Muiñada, xa que daquela o euro non existía, trócanse por “moscosos”.

Coa comida e o magosto popular, a música da foliada de diferentes grupos da zona desembocará na noite de concertos cos grupos Ghaveta, Tanxugueiras e A Compañía do Ruído.

Finalmente, pídese que as persoas que acudan á festa veñan vestidas ao xeito da época. É un xeito moi sinxelo de poder colaborar na ambientación da festa.

Na organización da festa traballan asociacións culturais como Cherinkas, Axvalso, Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, Trubisquiña, APEM, e institucións como o Concello de Vimianzo e a Deputación da Coruña, alén da axuda desinteresada da propia veciñanza.

Noite de concertos

Música de calidade, a Muiñada aposta por sons emerxentes e de referencia, tendo pasado xa pola festa en anteriores edicións grupos como Caxade, De Vacas, Sebastião Antunes e a Quadrilha, A Roda... Nesta ocasión haberá tres grupos que protagonizan a noite de troula.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios