Un necesario Encontro de Axentes do Emprendemento Feminino como previa ao Foro Alzavoz de Muller
Os vindeiros días 8 e 9 de maio, Vimianzo acollerá a segunda edición do Foro Alzavoz. Un foro de emprendemento e liderado feminino sobre o que se abren varias accións parapelas como o espazo aberto esta semana para tecer redes sólidas entre diferentes mulleres e entidades do noso rural.
“Este encontro supón un punto de inflexión. Non só polo que se falou, senón polo que se abriu: a posibilidade real de traballar desde o colectivo para transformar unha realidade que compartimos”, sinalan dende a organización.
Falamos do Encontro de Axentes do Emprendemento Feminino que se desenvolveu na Casa da Cultura de Vimianzo foi escenario este sábado dun encontro clave para o avance do emprendemento feminino no rural. Unha xornada de traballo que reuniu a representantes de asociacións, fundacións e entidades que traballan coas mulleres no ámbito profesional e emprendedor.
O encontro nace como resposta directa a unha demanda detectada na primeira edición de Alza Voz de Muller: a necesidade de crear un espazo propio no que as entidades puidesen parar, escoitarse e analizar de maneira conxunta os retos estruturais que afectan ás mulleres, especialmente no contexto rural.
Lonxe de ser un espazo de presentación de proxectos individuais, a sesión concibiuse como un marco de traballo colectivo, no que o foco estivo en identificar aquilo que é común a todas as realidades: barreiras estruturais, desigualdades persistentes e necesidades compartidas que condicionan o desenvolvemento profesional e o emprendemento feminino.
Durante a xornada, na que participaron unha decena de mulleres representantes de distintas organizacións, abordáronse cuestións clave como a falta de redes de apoio, o peso dos coidados, o acceso desigual a recursos e oportunidades ou o impacto da socialización de xénero nos procesos emprendedores.
Un dos principais logros do encontro foi precisamente transitar do relato individual ao diagnóstico colectivo, identificando patróns comúns que evidencian que moitas das dificultades que afrontan as mulleres non son illadas, senón estruturais.
A sesión permitiu tamén avanzar na definición de necesidades compartidas e primeiras liñas estratéxicas de actuación, sentando as bases para a creación dun documento marco de necesidades e propostas, que servirá como punto de partida para futuras accións e colaboracións entre entidades.