mércores. 18.06.2025
El tiempo

Máis de 120 mulleres reúnense en Vimianzo no foro ‘Alza Voz de Muller’

Alzavos de Muller ponentes
Máis de 120 mulleres reúnense en Vimianzo no foro ‘Alza Voz de Muller’

A Casa da Cultura de Vimianzo acolle mañá, venres 6 de xuño, e o sábado, día 7, o I Foro de Liderado Feminino no Rural da Costa da Morte ‘Alza Voz de Muller’, un evento promovido polo Concello de Vimianzo e a Deputación da Coruña que ten como finalidade crear un punto de encontro no que reflexionar, aprender e impulsar novas formas de liderar e desenvolver as traxectorias profesionais das mulleres. 

Este foro é un espazo único e pioneiro no que ser dará visibilidade ao poder das mulleres para a transformación social, económica, política e cultural. 

O encontro, ao que está previsto que asistan máis de 120 mulleres, comeza mañá ás 16:00 horas cun acto inaugural ao que asistirán a alcaldesa, Mónica Rodríguez; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; as deputadas provinciais Rosa Ana García e Avia Veira; a directora xeral da Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana Pérez; e a xerente de SEA, Beatriz Sestayo.

O foro continuará cunha dinámica na que se analizará por que se necesitan eventos coma estes e logo haberá dúas mesas de diálogo. A primeira delas será ás 17:30 horas na que baixo o título “Liderado feminino innovador” abordaranse os novos tipos de liderado: empáticos, colaborativos e con perspectiva de xénero. Nesta mesa intervirán Carmen Lence, presidenta do Grupo Lence; María Couto, CEO de XEAL (Xallas Electricididade e Aleacións); e Carlota Corzo, cofundadora e previa CEO de Lazzar

Na segunda mesa de mañá, falarase sobre as barreiras, os retos e as oportunidades para as mulleres que emprenden no rural. Nela daranse a coñecer as experiencias propias e reais de Rosa Arcos, secretaria xeral e directora de proxectos de Fademur; Paula Pose, xerente de Agrosoneira; Mar Barreiro, xerente de Reneymar; e Inés Silva, fundadora de ISlow Coliving.

A primeira xornada do Foro ‘Alza Voz de Muller’ rematará cun cóctel no Castelo de Vimianzo onde se aproveitará para que as asistentes teñan o seu propio momento de conexión. Alí haberá unha breve actuación musical da man de Irma Macías e Luis Pinto. 

O encontro continuará o sábado, día 7, durante todo o día, con máis mesas redondas, relatorios, espazos para o encontro entre as asistentes e a feira de emprendedoras, na que aínda poden inscribirse todas aquelas mulleres interesadas enviando un correo electrónico a alzavozdemuller.com.

Comentarios