Tesouros da Parroquia de Berdoias (VI): A Eira do Farruquiño no lugar de Boallo

Eira do Farruquiño, en Boallo.
Continuamos da man “Asociación Parroquial de Berdoias“ e o Seminario de Estudos Comarcais (SEMESCOM), recuperando o rico e variado patrimonio que atesouran os lugares da parroquia vimiancesa de Berdoias. Hoxe seguimos ca serie sobre as construcións de transformación de gran, coas Eiras.

Mostra do Patrimonio Material da Parroquia de Berdoias:
Construcións de transformación do Gran (VI):
A Eira do Farruquiño no lugar de Boallo

Boallo é o lugar máis occidental da parroquia, limita co concello de Muxía, e acompaña moi pretiño pola esquerda o remate do tramo da Vía Mariana que discorre dentro dos lindes do concello de Vimianzo, e que se dirixe cara Muxía.

Neste pequeno lugar pode apreciarse unha grande e variada riqueza patrimonial: desde vellas casas- vivenda rurais; pasando por fermosos e singulares exemplares de arquitecturas do pan: eiras,cabazos muíños, fornos…; de construcións de habitación e cría de animais coma lacenas das abellas, alvarizas pombais…; arquitecturas da auga coma fonte, pozos, lavadoiros; de relixiosidade: cruceiro e capela; ata mesmo fermosas arquitecturas do territorio coma pontes, pontellas poxados, valados de pedra, calzada, camiños coma ou o tramo que corresponde á Vía Mariana... etc .

No que repecta ás diversas construcións de transformación do gran, en Boallo podemos citar, entre as eiras do lugar (a do Centinela, a de Francisco, a do Pazo, a de Gándara), e A EIRA DO FARRUQUIÑO, un espazo arquitectónico rehabilitado, formando un todo: fisicamente unida á casa –vivenda, ó cabanel e á cabana, caso diferente da maioría das eiras da parroquia, que adoitan ubicarse preto das casas pero en espazos separados e independentes delas.

Esta eira do Farruquiño, de pequenas dimensións, ten o chan enlousado e cun bordo sólido de cachotería de 1,20 m de altura.

Moi pretiño dela, algo moi habitual nestes casos, a compañía de vellos cabazos atlánticos ou fisterráns.


Dúas lacenas de abellas, na cabana, a carón da Eira


Mapa de Eiras de Boallo

Tesouros de Berdoias